5 de mar. de 2019

CULTURA

XEIRA XX ALÉN MIÑOR    

MONFORTE-QUIROGA 
6/7 de abril de 2019



IEM / Gondomar

 Iniciamos esta visita pola zona alta da Vila de Monforte, no conxunto monumental de SanVicente do Pino. Segundo algúns autores, neste lugar estivo emprazado o Castro Dactonium. Descenderemos a pé ata o Campo da Compañía. Polo camiño pasaremos pola Porta Nova, unha das entradas da vella muralla medieval, que nos levará ata o casco antigo de Monforte e o seu barrio de ámbito xudeu. Percorrendo estas rúas coñeceremos os barrios gremiais e os lugares de tradición xudía. Sairemos do recinto amurallado pola Porta da Alcazaba, a máis antiga que se conserva. Baixaremos ata achegarmos ao cárcere vello. Á beira do cárcere vello atópanse os restos doutra das portas da muralla. Desde aquí seguimos camiñando cara á rúa do Comercio, na que atopamos unha casa con balconada e con moita historia: o antigo hospital da Orde de Santo Antonio. Tamén foi casa consistorial, e na actualidade atópase a oficina municipal de turismo e o Centro do viño da Ribeira Sacra. Moi preto deste lugar atópase unha pequena rúa, na que poderemos ver a casa máis estreita de España, recollida no libro Guinnes. A súa fachada ten 1,5 m de ancho. 

 Cruzaremos a Ponte Vella, de orixe romana, e atoparémonos coa fachada do Convento das Nais Clarisas (século XVII) fundado polos VII Condes de Lemos, que alberga o segundo Museo de Arte Sacra máis importante de España. A partir de aquí, cruzaremos o río Cabe e dedicaremos o noso tempo ao Colexio da nosa Señora a Antiga, máis coñecido como Escorial Galego, situado no campo da Compañía. Foi fundado polo cardeal D. Rodrigo de Castro no ano 1593, fillo da III Condesa de Lemos Dona Beatriz de Castro e de Álvaro Osorio. 

 Este grandioso monumento (110 m de fachada) alberga unha curiosa escaleira monumental, dous claustros renacentistas, a igrexa xesuítica e unha pinacoteca con obras de autores importantes como O Greco.    

Pazo de Tor  

 O Pazo de Tor está situado nunha elevación que lle serve de miradoiro sobre o Val de Lemos na parroquia de San Xoán de Tor, pertencente ao concello de Monforte de Lemos. As orixes do pazo están ligados á liñaxe dos Garza no século XIV. O edificio foi construído no último terzo do século XVIII, aínda que conserva algún vestixio anterior, e foi tamén afectado por algunha reforma posterior (como as reparacións efectuadas tras o seu incendio polas tropas napoleónicas). É encadrable dentro do estilo barroco, de longa persistencia en Galicia, pero xa matizado por certo sentimento estético neoclásico, visible na súa sobriedade, simetría e emprego das ordes clásicas. Os elementos decorativos concéntranse nas fachadas, e a organización interna do edificio diferencia claramente un baixo de servizo que alberga as dependencias necesarias en toda facenda agropecuaria (cocheiras, adegas, cortes, vivenda dos criados e caseiros...) e un primeiro piso reservado a residencia dos donos do pazo. A Deputación Provincial de Lugo acometeu obras de acondicionamento e mellora do edificio, respectando a súa estrutura e distribución, procedendo, xunto co Museo Provincial, á musealización do pazo. No 2006 abre ao público.   

Igrexa Románica de San Pedro de Ribasaltas  

 A igrexa románica de Ribas Altas foi construída no último terzo do século XII. Consérvanse pinturas murais con escenas do xuízo final. Ten unha soa nave e ábsida. A fachada reformouse no século XVIII.  

Quiroga  

 No segundo día teremos unha visita onde a paisaxe, a arqueoloxía e a xeoloxía serán os protagonistas. 

 En Margaride explicarannos os sistemas de explotación que os romanos empregaban en diferentes épocas para extraer o ouro, denominados “cortas de arrastre” ou “cunchas de equilibrio”, tamén veremos galerías de explotación e os noiros da mina no monte. Xunto a elas unha ara na metade da parede dunha vivenda. 

 Outra localización a visitar será Montefurado e outras minas máis que hai pola contorna. Tamén será moi atractiva a visita á vila, de arquitectura tradicional serodia. 

 Antes do xantar espéranos o museo xeolóxico de Quiroga, un referente da materia no norte peninsular. 

 Pola tarde, xa no Concello de Folgoso do Caurel, admiraremos desde o miradoiro de Campodoloa o Pregamento deitado de Campodola-Leixazós, declarado monumento nacional en 2012 e punto xeolóxico de interese internacional desde 1983. Despois dirixirémonos ao Castro da Torre de Sobredo, xacemento arqueolóxico onde gozaremos dunha detallada explicación dun arqueólogo que escavou nel. 

 Para rematar, un lugar máxico nos espera, O Val das Mouras. Paisaxe kárstica esculpida en calcarias cámbricas, das máis antigas do continente.  A pedra mestúrase con soutos de castiñeiros e outras frondosas formando unha fermosísima paisaxe.     

CARACTERÍSTICAS DA XEIRA   

DATA: 6/7 de abril de 2019.   

GUÍAS: María Abuín Fernández (Máis que Románico) e Iván Álvarez Merayo (arqueólogo )   

HORARIO APROXIMADO   

SAÍDA DO AUTOCAR: Sábado: 8:00 H de Gondomar, dende a explanada do pavillón de deportes.   

CHEGADA: Domingo, aproximadamente ás 21:30 H ó mesmo lugar de partida.   

Para anotarse á xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360575/627 276816, de luns a venres de 18.00 H a 21.00 H, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal.  

Prazas mínimas: 35  

Data límite para realizar o pagamento: 25 de marzo  

As baixas que se realicen con menos de 48 horas antes do comezo da xeira, non se lles aboará o importe da mesma.  

PREZO SOCIOS/AS: 135 euros.  

PREZO NON SOCIOS/AS: 145 euros.  

Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164   

 O prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar, as visitas e os guías.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario