A XIV Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Santiago pon o foco nas gravacións domésticas, a música e as fronteiras
O director da Agadic participou na presentación do encontro, que se desenvolverá do 25 ao 31 de marzo baixo a organización do Museo do Pobo Galego
A metade dos filmes exhibidos nesta edición, tanto na sección oficial como fóra de concurso, están dirixidos por mulleres
Jacobo
Sutil participou na rolda de prensa de presentación
Foto: X. G.
Infogauda / Santiago de Compostela
O Museo do Pobo Galego presentou hoxe a
programación completa da súa XIV Mostra Internacional de Cinema
Etnográfico (MICE), que se desenvolverá en diferentes espazos de
Santiago de Compostela entre os vindeiros días 25 e 31 de marzo. As
gravacións domésticas, as fronteiras e a relación do son e a música coa
etnografía son as tres liñas temáticas que vertebran a carteleira deste
ano, no que o cinema feito por mulleres volverá ter un peso importante.
O
director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo
Sutil, subliñou o papel esencial que este tipo de eventos de difusión
cinematográfica xogan no sistema audiovisual galego, ao tempo que
explicou que nestes momentos se atopa en proceso de resolución a
convocatoria autonómica subvencións a festivais do sector. Lembrou, así
mesmo, que en 2018 a MICE se sumou por vez primeira á listaxe de mostras
adxudicatarias destas axudas anuais, xestionadas pola Consellería de
Cultura e Turismo a través da Agadic.
Sutil fixo estas
declaracións durante a presentación desta décimo cuarta edición da
Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, na que participou xunto con
Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Goretti
Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Concha Losada,
vicepresidenta do Museo do Pobo Galego, e Ana Estévez, directora da
MICE.
Tres eixos temáticos e transversais
Como en anos
anteriores, o encontro dedicaralle unha parte importante da súa
programación a filmes dirixidos por mulleres, que neste caso supoñen
arredor da metade dos títulos incluídos tanto na sección oficial como
fóra de concurso. Desta volta, por exemplo, a sección específica Impropias incide no obxectivo de lle dar maior visibilidade ao cinema feito por realizadoras baixo o lema Mulleres nas estremas.
As profesoras Margarita Ledo e Marta Pérez Pereiro coordinaron esta
escolma, que abordará a temática das fronteiras físicas e simbólicas
desde un enfoque de xénero.
Outro dos eixos transversais desta
edición son as gravacións caseiras como material indispensable para este
xénero cinematográfico. Así o salientou Jacobo Sutil, quen se referiu
concretamente á primeira das sesións, que xirará arredor do cinema
doméstico coa presenza de Xisela Franco. A cineasta amosará o traballo
que realizou a partir do arquivo familiar en Super8 do enxeñeiro vigués
Manoel da Costa, quen tamén participará nesta apertura xunto con Pablo
Gómez, da asociación La Cinematográfica.
O terceiro fito temático da MICE será a relación entre a música e a etnografía a través dos filmes da sección Trazas, programada polo Cineclube de Compostela e na que se poderán ver cantos de traballo nunha prisión de Texas, o fandom
da banda Judas Priest, os instrumentos do folclore cubano, Peret
tocando no ámbito familiar ou os Telephones Rouges tocando nun piso na
Coruña.
Premio á Mellor Película Galega
O director da
Agadic destacou, así mesmo, as catro fitas que compiten polo Premio á
Mellor Película Galega dentro da sección oficial: Entroido en Face de Hóspedes, de David Castro; Hora silenciosa, de Noelia Muíño; a coprodución galego-británica Stockrom, de Sol Musa Juane, e Tecido resistente, de Marina Chiavegatto.
Na
devandita sección oficial a concurso competirán 16 filmes procedentes
de 10 países. Cinco destas películas serán estrea en España, mentres que
sete delas proxectaranse por primeira vez en Galicia.
A programación completase con diferentes actividades paralelas, entre as que se atopan o obradoiro Tránsito á captura, impartido pola cineasta Adriana Vila e o etnomusicólogo Miguel Alonso Cambrón, mais o taller familiar Facemos cinema sen cámara, que desenvolverá a Asociación Espacio Rojo.
Todas
as proxeccións da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico son de
balde. No caso das programadas no Teatro Principal e en Numax será
preciso retirar a entrada nos correspondentes despachos de billetes,
mentres que as sesións no Museo do Pobo Galego e no Museo das
Peregrinacións serán de acceso libre ata completar a capacidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario