Marisa Paredes e John Malkovich acompañan o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado na homenaxe que lle rende o CGAI
O programador, padriño do Centro Galego de Artes da Imaxe desde a súa creación, seleccionou algunhas das películas que marcaron a súa traxectoria profesional e vital para seren proxectadas no ciclo que terá lugar ata mediados de maio
Con motivo deste tributo, que arranca o 21 de marzo co filme de Pedro Almodóvar ‘La flor de mi secreto’, a vindeira semana visitarán A Coruña Paredes e Malkovich, amizades persoais de Prado
Chema Prado
Foto: X.G.
Infogauda / A Coruña
O Centro Galego de Artes da Imaxe
(CGAI)-Filmoteca de Galicia programará do 21 de marzo ao 10 de maio un
ciclo cinematográfico co que rende homenaxe a Chema Prado, director da
Filmoteca Española entre 1989 e 2016, programador desta desde 1975 e,
ante todo, amigo e mentor da cinemateca galega desde a súa posta en
marcha hai 27 anos. Con motivo desde tributo, o CGAI deulle carta branca
a Prado para programar unha serie de películas que marcaron tanto a súa
traxectoria profesional como vital, ademais de recibir na Coruña a
algunhas das amizades persoais deste galego, natural de Rábade, como é o
caso de Marisa Paredes e John Malkovich.
Ao mesmo tempo que
desenvolvía o seu labor na Filmoteca Española, Prado axudou a formar o
persoal da cinemateca galega desde os seus inicios. Así mesmo, grazas a
el leváronse a cabo colaboracións entre ambas as entidades para
numerosos traballos de restauración e a súa intervención foi
fundamental para o ingreso do CGAI na Federación Internacional de
Arquivos Fílmicos (FIAF), selo de recoñecemento mundial.
Ciclo e exposición
Agora,
o Centro Galego de Artes da Imaxe agradécelle o seu inestimable apoio
co ciclo Vai e Vem. Carta branca a Chema Prado, que toma o seu título da
última película de João César Monteiro e é froito da colaboración con
diversas cinematecas internacionais de prestixio na cesión de copias
para seren proxectadas na Coruña. Esta homenaxe conta, ademais, coa
implicación do Concello coruñés na organización no Pazo Municipal de
María Pita dunha exposición coa obra fotográfica de Prado, quen ao longo
da súa ampla carreira tivo a oportunidade de retratar numerosas
personalidades do cinema internacional.
A escolma do CGAI
desenvolverase ao longo dunha vintena de sesións durante as que se
pasarán títulos míticos, pero tamén rarezas que resultarán un
descubrimento ata para o público máis cinéfilo. Todas elas son
películas que, dalgunha maneira, marcan a traxectoria profesional de
Chema Prado e lle resultan especialmente próximas pola participación
nelas dalgúns dos seus amigos persoais.
Estrelas do cinema internacional na Coruña
É
o caso da intérprete Marisa Paredes, quen acompañará a Chema Prado na
apertura do ciclo o vindeiro xoves 21, coa proxección na filmoteca
galega de La flor de mi secreto, de Pedro Almodóvar. Este filme, o
terceiro dos seis nos que Paredes se puxo ás ordes do director manchego,
supuxo un punto de inflexión na súa carreira interpretativa, ademais de
valerlle o premio á mellor actriz no prestixioso festival de Karlovy
Vary.
Ao día seguinte, venres 22, será John Malkovich –que mantén
unha estreita relación con Prado desde hai anos– quen estará na Coruña
para introducir a proxección de El cielo protector, filme do
recentemente falecido Bernardo Bertolucci, nunha sesión especial que
acollerá o Teatro Colón. O actor, produtor e realizador estadounidense
tamén presentará o sábado 23 na sede do CGAI Pasos de baile, película
dirixida por el e protagonizada por Javier Bardem.
O pase de El
cielo protector no Teatro Colón levarase a cabo en colaboración co
Concello da Coruña, do mesmo xeito que o de Stop Making Sense, de
Jonathan Demme, que terá lugar o 26 de abril neste mesmo espazo.
No
programa seleccionado por Chema Prado para o CGAI, atópanse tamén nomes
como Jim Jarmusch, do que se exhibe Dead Man, ademais de You Are Not I,
de Sara Driver, na que exerce de director de fotografía. Este último
filme, unha rareza difícil de ver, entra na categoría doutros como Route
One U.S.A., de Robert Kramer, as películas de Raúl Ruiz O Território e
El techo de la ballena ou a recentemente restaurada Il bacio di Tosca,
de Daniel Schmid. Deste xeito, o ciclo ofrécelle ao público galego unha
oportunidade única de coñeceren fitas de difícil acceso nas mellores
condicións técnicas posibles.
Nesta selección hai lugar, así
mesmo, para grandes nomes do cinema portugués e español, como Víctor
Erice, Iván Zulueta, Manoel de Oliveira e João César Monteiro, entre
outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario