‘Castelao Maxistral’ clausúrase este domingo como a exposición máis visitada da historia da Cidade da Cultura de Galicia
Hoxe celébrase un concerto de despedida coa Orquestra de Cámara Galega e cun repertorio vencellado á vida e á obra do intelectual de Rianxo
A mostra permitiu ver por vez primeira en Galicia o lendario lenzo ‘A derradeira leición do mestre’, que supera xa as 40.000 visitas durante os 120 días de apertura Acadouse unha media de 303 visitantes diarios, cifra récord na biografía do Gaiás, superando á mostra ‘Gallaecia Petrea’
Preto de 9.000 escolares de 120 centros de toda Galicia achegáronse a esta mostra, que tamén contou cun abano amplo de actividades, desde concertos, conferencias e debates de estudantes, con enorme éxito de asistencia e participación
Tras a clausura, o cadro trasládase á Deputación de Ourense, onde se exhibirá a partir do 7 de marzo, antes de voltar ao Centro Galicia de Buenos Aires
A Cidade da Cultura clausura este domingo, 3 de marzo, Castelao
maxistral
Fotos: X. G.
Infogauda / Santiago de Compostela
A Cidade da Cultura clausura este domingo, 3 de marzo, Castelao
maxistral cun exitoso balance, xa que se trata da exposición máis
visitada da historia do Gaiás, cunha cifra que supera as 40.000 persoas
durante os 120 días de apertura ao público. Este alto número de visitas
tiveron como principal motivación o fito histórico de ver por vez
primeira en Galicia o lendario cadro A derradeira leición do mestre,
pintado polo artista de Rianxo en 1945 en homenaxe ao amigo e
intelectual galeguista Alexandre Bóveda, asasinado en 1936, e que nunca
antes tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires, institución á que
pertence.
Hai que salientar, como balance desta exposición, que
unha media de 303 visitantes diarios achegáronse ao Museo Centro Gaiás,
atraídos pola oportunidade histórica de ver este óleo icónico,
considerado o Guernica galego. Esta cifra de visitantes/día tamén bateu
un récord na ‘biografía’ do Gaiás, superando incluso á de Gallaecia
Petrea, que rexistrou unha media de 279 visitantes por día. Cómpre
recordar que aquel foi un número especialmente alto, no que tamén
influíu —ademais do interese da mostra — a curiosidade que moitos
galegos e galegas sentían por achegarse por primeira vez ao Museo Centro
Gaiás, que botou a andar con ese proxecto expositivo.
Entre as
cifras, tamén son moi especialmente significativas as de escolares;
preto dos 9.000 de diferentes cursos e provenientes de 120 centros
educativos de toda Galicia. Precisamente, nesta recta final, a Cidade da
Cultura está a organizar esta semana unha serie de debates escolares ao
redor de A derradeira leición do mestre. Más dun cento de estudantes do
último ciclo da ESO e de Bacharelato de diferentes centros de Galicia
están a acudir ao Museo Centro Gaiás para participar en diálogos
moderados por xornalistas, que lles convidarán a reflexionar sobre o
valor da educación nas sociedades democráticas.
Concerto de despedida coa Orquestra de Cámara Galega
No
entanto, o alfinete de ouro de clausura será hoxe venres co concerto de
despedida da Orquestra de Cámara Galega. Dirixida por Rogelio Groba,
ofrecerá un repertorio, que incluirá composicións vinculadas á Castelao
como Na Catedral, movemento da obra musical Alba de Gloria composta polo
proxenitor do director, Rogelio Groba Groba, inspirándose no histórico
discurso do intelectual de Rianxo no exilio. Ademais, interpretaranse
pezas de compositores galegos, como Andrés Gaos, ou de arxentinos, como
Astor Piazolla. A entrada a este concerto é de balde, previa recollida
de convite no Museo Centro Gaiás, e para o que xa quedan poucas prazas
das preto de 400 ofertadas.
Éxito das actividades
Neste
senso, débese pór en valor a extraordinaria acollida por parte do
público das actividades que dinamizaron e arrouparon a exposición
Castelao maxistral. De feito esgotáronse as entrada no concerto de
Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, coral fundada polo propio
Castelao, e no concerto ‘Os camiños de Castelao’ da Real Filharmonía de
Galicia.
Ademais de actuacións musicais, a exposición contou cun
programa de visitas-relatorio no que os e as participantes tiveron a
oportunidade de aproximarse á figura de Castelao da man de especialistas
como o comisario Miguel Anxo Seixas, pero tamén dos catedráticos
Lourenzo Fernández Prieto e Antón Costa ou de Carlos Valle, ex director
do Museo Provincial de Pontevedra, institución que custodia boa parte do
legado artístico de Castelao.
Completaron esta actividade, os
‘Debates ao redor de Castelao’ que tiveron como protagonistas a
persoeiros relevantes como o humorista gráfico Siro López, o ex Valedor
do Pobo, José Julio Fernández, a experta en movementos migratorios Pilar
Cagiao ou o crítico de arte Carlos Bernárdez.
Na Deputación de Ourense antes de volver a Buenos Aires
Tras
a clausura este domingo, o lenzo A derradeira leición do mestre
trasládase á Deputación de Ourense, onde se exhibirá ao público, a
partir do 7 de marzo, en virtude dun convenio firmado entre esta
institución provincial, a Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Buenos
Aires. Posteriormente, regresará á capital da Arxentina para volver a
entidade á que pertence.
Ningún comentario:
Publicar un comentario