14 de mar. de 2019

A GUARDA

TURISMO

Dúas praias e a Oficina de Turismo de A Guarda, distinguidas coas certificacions SICTED

· Os recoñecementos foron recollidos na III Gala Anual de Turismo Rías Baixas  


De esq. a der.: Mª Montserrat Magallanes Álvarez, Antonio Lomba Baz e Mª Teresa Vicente Baz, cos certificados SICTED 
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O pasado martes día 12 de marzo celebrouse na cidade de Vigo a terceira edición da Gala Anual de Turismo Rías Baixas, evento no que se realiza un recoñecemento ao turismo da provincia coa entrega dos certificados SICTED, o distintivo que premia a excelencia e a profesionalidade de empresas e servizos turísticos. 

 A este evento acudiron en representación municipal o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Turismo, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, onde recolleron os diplomas e carteis do distintivo SICTED para a Oficina Municipal de Turismo de A Guarda e para as praias do Forte - coñecida como praia do Muíño - (Camposancos) e Area Grande. 

 O Concello de A Guarda está integrado no destino turístico “Provincia de Pontevedra-Rías Baixas” e leva traballando dende o 2009 na implantación do distintivo SICTED. E dende 2010 a Oficina Municipal de Turismo e as praias de Area Grande e O Muíño contan con este recoñecemento que ven acompañado dun plan de mellora continua e novas medidas dirixidas a incrementar a calidade do servizo, polo que os establecementos e servizos deben continuar traballando en prol do desenvolvemento turístico e a satisfacción dos clientes. 

 Na actualidade, A Guarda conta con 9 empresas e servizos co distintivo de calidade e compromiso turístico SICTED. Aquelas empresas e servizos que desexen adherirse ao proxecto poderán recibir asesoramento na Oficina Municipal de Turismo do Concello de A Guarda. 

Sobre o distintivo SICTED 

 O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SET) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Traballa con empresas e servizos de ata 33 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción dos e das turistas. Para logralo, o sistema ofrece ás empresas e servizos adheridos un plan de formación, asistencia técnica, obradoiros, grupos de traballo e manuais de boas prácticas.  

 A obtención do distintivo SICTED implica o cumprimento dos requisitos fixados, e da conta do esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao establecemento fronte á competencia. O certificado ten validez bienal, aínda que precisa dunha avaliación anual de seguimento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario