O Concello avanza na realización de camiños escolares seguros
· “(...) As
ideas do pedagogo italiano Francesco Tonucci marcan un novo rumbo para
os proxectos de camiños escolares, cun novo concepto de cidade,
propiciando a autonomía infantil (...)”
O alcalde de A Guarda presidiu a xuntanza na que foi presentado o primeiro informe intermedio dos Camiños Escolares Seguros na vila
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda acolleu onte xoves día 28 de marzo de 2019 unha xuntanza para presentar o primeiro informe intermedio dos Camiños Escolares Seguros na vila.
Nesta reunión estiveron presentes o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Educación, Mª Elena Baz Rodríguez; María del Mar González, técnico da Deputación de Pontevedra; Mª Isabel de la Santísima Trinidad, directora do CEIP Manuel Rodríguez Sinde; Iris Gómez, directora do CEIP As Solanas; Manuel Ángel González Martínez, xefe da Policía Local de A Guarda; e Alexandre Mouriño, arquitecto redactor do informe.
Desde o executivo municipal do concello guardés indican que “o proxecto de Camiños Escolares Seguros xurde ante a necesidade dun cambio de paradigma na maneira de moverse nas cidades e vilas, mellorando a seguridade vial establecendo rutas seguras, para que os nenos e nenas realicen os seus desprazamentos entre os seus fogares e os seus centros de ensino con total seguridade.
As ideas do pedagogo italiano Francesco Tonucci marcan un novo rumbo para os proxectos de camiños escolares, cun novo concepto de cidade, propiciando a autonomía infantil”.
Fontes municipais fixeron público que “neste primeiro informe recóllense varias actividades realizadas tendo como base a mobilidade do alumnado do CEIP Manuel Rodríguez Sinde, cun recoñecemento do terreo, vídeo en time-lapse da chegada e saída de alumnos, mapas e fotografías das rutas empregadas para o acceso a este centro, así coma un mapeamento dixital que se fixo cunha mostra de pais, grazas a unha aplicación móbil, que coa tecnoloxía GPS axudou a facer os percorridos dixitais do alumnado, establecendo as rutas máis empregadas.
Deste xeito logrouse establecer un croquis dun posible Camiño Escolar Seguro de 730 metros de lonxitude nas rúas Circunvalación, Tui, Ourense, Enrique María Sesto e Brasilino Álvarez.
O proxecto continuará nos vindeiros meses con varias presentacións destes resultados aos pais e nais, así como aos alumnos, con enquisas e xornadas informativas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario