O libro «Galaicos, un pobo entre dous mundos»
· Foi presentado na Casa dos Alonso
Vista parcial dos participantes na presentación do libro «Galaicos – Un pobo entre dous mundos»
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Na tardiña do pasado xoves día 28 de febreiro a Casa dos Alonso foi o escenario escollido para a presentación do libro «Galaicos – Un pobo entre dous mundos», que a súa vez é o catálogo da exposición homónima. Trátase dunha coidada publicación, con gran cantidade de fotografías, moitas delas inéditas ata o de agora, en visión cenital, feitas con drons, que permítenos gozar dunha viaxe polo rico patrimonio cultural ligado á arqueoloxía das Rías Baixas.
O acto contou coas intervencións de Montserrat Magallanes Álvarez, deputada provincial; Henrique Alvarellos, xornalista e responsable de Alvarellos Editora; Rafael M. Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra e comisario da exposición «Galaicos – Un pobo entre dous mundos» que ata o día 3 de marzo, pode visitarse no Museo Arqueolóxico Nacional, de Madrid; Manuel Javier Crespo González, concelleiro de Patrimonio; Xurxo M. Ayán Vila, arqueólogo e colaborador no libro e Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda.
De esq. a der.: Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; Rafael M. Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra; e Xurxo M. Ayán Vila nun intre da súa disertación
Sen menoscabo de ningunha intervención, xa que todas elas foron moi interesesantes, queremos salientar especialmente a de Xurxo M. Ayán Vila, polo seu repaso a contextualización da cultura castrexa e os diferentes discursos habidos o longo do tempo, desde os precursores da arqueoloxía en Galicia, sen apenas recursos técnicos, ata nosos días, nos que desde fai unhas décadas, as intervencions contan con equipos multidisciplinares, tanto a pé de obra, como posteriormente na análise, estudo e divulgación científica dos achados. Dese xeito, á información que se obtén é moito máis ampla, e así, hoxendía sabemos que a provincia romana da Gallaecia, non era á periferia, como ao longo de moitas décadas se pensaba, senón un territorio o que se chegaba máis doadamente - desde terras atlánticas e tamén mediterráneas, por vía marítima evidentemente -, que o centro da meseta ibérica. Esa, entre outras conclusions, están fundamentadas nos achados arqueolóxicos atopados en diferentes xacementos castrexos, e de xeito concreto no Monte Santa Trega (A Guarda).
Ao remate desta presentación proxectouse o vídeo deste proxecto. A través dunha selección dos obxectos arqueolóxicos máis representativos, atopados nas campañas de excavación levadas a bó termo en diferentes xacementos da provincia de Pontevedra - entre eles a sorprendente cidade de altura do Monte Santa Trega -, amósase a evolución que se produce durante un longo período de 2.000 anos, desde a prehistoria ata a antigüidade tardía. O eixo atlántico do noroeste peninsular, onde se sitúan as Rías Baixas, é un territorio de gran actividade comercial onde converxen tradicións culturais e unha das zonas de España cunha maior densidade de xacementos arqueolóxicos.
Antes de concluir á presentación, o alcalde de A Guarda salientou que grazas a «Galaicos – Un pobo entre dous mundos» vaise a producir un efecto chamada. Van ser moitas ás persoas que van querer coñecer de primeira mán lugares tan atractivos como o Monte Santa Trega, do que os guardeses estamos orgullosos polo que significa como tesouro que é do noso pobo, e de Galicia. E se cada ano vimos recibindo non menos de 200.000 visitantes, que é unha cifra realmente importante, a vista desta publicación van ser moitas máis ás persoas que se acheguen onde nós.
Antonio Lomba Baz dixo tamén que ainda que xa o sabemos, é moi importante que sexan os arqueólogos os que nos relembren á importancia do Monte Santa Trega como Ben de Interese Cultural, e polo que supón de atractivo turístico e por conseguinte, como dinamizador da economía local.
O alcalde agradeceu a Deputación de Pontevedra e a Alvarellos Editora, por coeditar esta publicación, e por suposto os arqueólogos que teñen traballado no Monte Santa Trega, e máis concretamente, nos últimos tempos, na reexcavación do poboado Mergelina, dirixida por Rafael Rodríguez Martínez, a quen xa o consideramos como un guardés máis.
O libro
No devandito acto de presnetación, tamén estivo á venda o libro «Galaicos - Un pobo entre dous mundos», que conta con 180 páxinas a un prezo con desconto de 22€, unha impactante guía arqueolóxica e visual da provincia de Pontevedra na que se mostran 2.000 anos da historia de Galicia, desde a Idade de Bronce ata o primeiro cristianismo, a través de 20 emblemáticos xacementos situados na provincia de Pontevedra. Este libro estará tamén á venda próximamente en librerías de A Guarda.
Nesta publicación tamén se fala sobre o xacemento do Monte Santa Trega, que controla a desembocadura do río Miño. Trátase dun poboado galaico-romano ocupado desde o século IV a. C. ata o século I d. C. O seu sistema construtivo reflicte a tradición castrexa, na que predominan as construcións circulares cunha arquitectura defensiva e doméstica. A área ocupada por esta cidade alcanza as 20 hectáreas, o que o converte nun dos maiores castros atopados en terras galegas, aínda que soamente se escavou ata o momento un 5 % da súa superficie total. Unha área do poboado caracterízase polas casas-patio, formadas por distintas estancias agrupadas ao redor dun patio. As familias deste barrio manexaban un enxoval doméstico marcado pola destacada presenza de cultura material romana. As cabanas aséntanse directamente sobre a rocha nai. Os seus muros están recubertos de cal e area e no seu interior algunhas posúen bancos encastrados.
Entre os anos 2015 e 2016 realizáronse importantes achados, como unha cabeza pétrea, ánforas e lucernas romanas, pezas de cerámica terra sigillata, fragmentos de labras líticas decoradas, o cunco de pasta millefiori (único ata o de agora, no norte de Península Ibérica e que a Corporación Municipal do Concello de A Guarda acordou solicitar a Xunta de Galicia seu retorno para o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega), un puñal lexionario, o remate dun torque de ouro e máis de 42.500 pezas. O Monte Santa Trega é, sen dúbida, un dos legados patrimoniais máis importantes das Rías Baixas e de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario