A Deputación de Pontevedra estende "Depotermal" 2019 a 53 concellos da provincia
As Neves e Pazos de Borbén se adhiren ao programa termal no que a Deputación reserva máis de 400 prazas para familias en situación e/ou risco de exclusión social
Infogauda / Pontevedra
O Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as solicitudes de adhesión presentadas polos concellos da provincia ao programa "Depotermal" 2019. En total, este ano formalizaron a súa participación 53 concellos, coa incorporación das Neves e Pazos de Borbén.
Máis polo miúdo, os concellos adheridos son Agolada, Arbo, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Así, a veciñanza destes municipios poderá gozar de "Depotermal" 2019 sempre e cando as persoas interesadas estean empadroadas na provincia de Pontevedra, teñan nado antes do 1 de xaneiro de 1969 (ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas), contar cun grao de diversidade funcional igual ou superior do 65 % ou necesitar respiro familiar.
Este programa provincial, que conta cun orzamento de máis de 100.000 euros, oferta 4.434 prazas, das cales 1.248 serán para o programa de asistencia diaria sen pasar a noite (cinco días consecutivos de asistencia aos establecementos termais) e 3.186 para o programa termal que inclúe unha estancia de cinco días e seis noites de aloxamento. Ademais, a Deputación de Pontevedra financia 248 prazas no primeiro programa e outras 186 no segundo que quedan reservadas para familias en situación e/ou risco de exclusión social.
O programa de termalismo da Deputación de Pontevedra ten por obxectivos promover o envellecemento activo, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Ademais, ao desenvolverse en temporada turística baixa, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario