25 de feb. de 2019

BENESTAR

O titular da Xunta de Galicia visitou, este mediodía, a escola infantil Trastes da Asociación de empresarios de Mos 

Feijóo apela ao traballo conxunto entre Xunta, empresas e concellos para crear máis servizos e traballar a prol da conciliación e pon como exemplo a nova gardería de Mos  

Destaca a orde de axudas que a Xunta pon á disposición para establecer escolas infantís en contornas laborais

Agradece o compromiso da Asociación de Empresarios de Mos, reflectido na apertura, co apoio da Xunta, desta infraestrutura que ofrece 74 novas prazas neste municipio  

Asegura que o fomento da conciliación seguirá sendo un dos obxectivos estruturais da Xunta, como se reflicte na Lei de impulso demográfico, que comezará a tramitarse nas vindeiras semanas


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, visitou hoxe a nova gardería no parque empresarial de Mos
Foto: X. G.

Infogauda / Mos

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á nova gardería no parque empresarial de Mos como exemplo do traballo “man a man” entre empresas, concellos e Administración autonómica, para xuntos, facilitar a conciliación, seguir creando recursos de atención á infancia e dar apoio económico ás familias que queren ter fillos; “para poñer, en definitiva, todas as facilidades económicas, fiscais e urbanísticas á disposición destes obxectivos”, dixo.  

 Durante unha visita á escola infantil Trastes, Feijóo valorou deste xeito o compromiso da Asociación de Empresarios de Mos, reflectido na apertura, co apoio da Xunta, desta infraestrutura que ofrece 74 novas prazas neste municipio.  

 Máis polo miúdo, precisou que esta iniciativa se levou a cabo ao abeiro dunha orde de axudas que o Goberno galego pon á disposición para establecer escolas infantís en contornas laborais. E recordou que, ademais deste centro en Mos, esta liña de axudas permitiu impulsar xa outras garderías: unha en Río do Pozo, en Narón, que xa está en funcionamento; outra, no polígono de Tomada, na Pobra do Caramiñal, que abrirá as súas portas proximamente, e, unha terceira no Porriño que obtivo a axuda da Xunta e que se vai a construír.  

 Con esta nova escola infantil, Mos confírmase como un concellos de Galicia que máis se implica no eido da conciliación, con 191 prazas públicas de gardería, o que se traduce nunha ratio de cobertura do 52%, case 20 puntos por riba da recomendación da Unión Europea.  

 “Isto é posible grazas ao compromiso da Xunta, que abriu aquí tres Galiñas Azuis e outorgou 27 Bonos Concilia; e tamén grazas á implicación do municipio”, precisou, reiterando o compromiso da Xunta nesta materia: con máis prestacións, como a Tarxeta Benvida, que conta cun orzamento de 35 millóns este 2019; con máis facilidades, para que os empregados públicos concilien mellor a vida persoal e laboral, como a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade; con máis apoios para posibles urxencias, como o Bono Coidado e con máis prazas de gardería, 24.000 actualmente, o dobre que hai dez anos.  

 Feijóo concluíu asegurando que o fomento da conciliación seguirá sendo un dos obxectivos estruturais da Xunta, como se reflicte na Lei de impulso demográfico, que comezará a tramitarse nas vindeiras semanas e que elevará a texto legal as liñas estratéxicas que acordou por unanimidade o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.  

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario