5 de feb. de 2019

OIA

“Memorias de Oia” 

· Nova rolda de entrevistas para a segunda parte do documental
· O proxecto recompila as vivencias das persoas maiores do municipio   


Alcaldesa e veciñas de Oia, co equipo técnico que producirá o documental “Memorias de Oia”
Foto: C. O.

Infogauda / Oia

 O Concello de Oia comeza unha nova rolda de entrevistas a persoas maiores de municipio para elaborar a segunda parte do documental “Memorias de Oia”, unha recompilación de vivencias e experiencias sobre a historia recente do municipio contadas pola propia veciñanza.   

 A iniciativa consiste en localizar e entrevistar a veciñas e veciños maiores para gravalos en vídeo e así reunir as súas testemuñas orais sobre como era a vida nos seus tempos mozos: os traballos e oficios, as dificultades do día a día, as festas, costumes e tradicións, así como anécdotas e outros datos de interese.   

 Trátase de rexistrar e conservar a historia das últimas décadas do municipio contada polos seus propios protagonistas, co obxectivo de evitar que todo este patrimonio cultural caia no esquecemento. Ao mesmo tempo, quérese documentar esta información na lingua galega que a veciñanza emprega habitualmente, recollendo as variantes dialectais da zona.  

 As familias interesadas en participar deberán poñerse en contacto co Concello de Oia (teléfono 986 36 21 25) a fin de comunicar a persoa a entrevistar e fixar unha data.    

Éxito da primeira parte do proxecto  

 Ao longo de 2018 elaborouse a primeira parte do documental, gravado por Samaín Producións e co financiamento do Concello e máis da Xunta de Galicia. A iniciativa tamén contara coa colaboración de Chicho, veciño de Pedornes que achegou material audiovisual histórico; de Patricia Muñoz Raña, coordinadora da Asociación Costa dos Castros;  e das familias das persoas entrevistadas.   

 A peza audiovisual resultante nesta primeira fase do proxecto estreouse na Semana Cultural de Pedornes e posteriormente foi proxectada durante a Semana Cultural de Mougás.   

 Tendo en conta a boa acollida do documental, ao longo de 2019 estase a realizar unha segunda parte, con novas entrevistas á veciñanza gravadas de novo por Samaín Producións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario