28 de feb. de 2019

MOVEMENTOS SOCIAIS

 CARA Á FOLGA DE MULLERES



 Galegas 8M Vigo

.Desde Galegas 8M convidamos a toda a cidadanía a participar con nós na manifestación a celebrar o vindeiro día 3 de marzo en Lugo, saída da Porta Falsa ás 12:00 h., para rematar na Horta do Seminario sobre ás 13:30 h., alí teremos espazos para un xantar colectivo despois da lectura do manifesto.     
 
 Integramos Galegas 8M 50 colectivos feministas e loitamos pola igualdade real entre mulleres e homes, pola soberanía sobre os nosos corpos e o dereito a decidir sobre eles, sobre as nosas identidades, os nosos desexos, as nosas vidas, temos que ocupar o espazo que nos corresponde, as mulleres temos que garantir a igualdade de oportunidades e de dereitos, a elección das nosas propias vidas, temos que erradicar todo tipo de violencias machistas, non poden asasinarnos polo xeito de sermos mulleres. Por iso saímos a rúa, por iso facemos folga o vindeiro 8 de marzo, folga de 24 horas e so de mulleres, queremos sermos as protagonistas da nosa propia historia.

 Convidamos a participar con nós con accións pequenas, como colgar o mandíl nas nosas fiestras, unha chamada á participación da manifestación do vindeiro 3 de marzo en Lugo, e a participación na folga de mulleres o propio 8 de marzo e a manifestación do propio 8 de marzo nas localidades. En Vigo sairá ás 20.00 horas dende a praza dos cabalos rematando na Porta do Sol.  

 Queremos amosar ao mundo que se as mulleres paran, o mundo para, que sen todas nós o mundo non avanza, que queremos xustiza, queremos rematar coas desigualdades que sofremos as mulleres no mundo, queremos vivir nun mundo igualitario, que nacer muller non sexa un impedimento para ter unha vida libre e plena, con plena decisión sobre nós mesmas, sen prexuízos, co dereito a vivir unhas vidas sen violencias de ningún tipo.  Porque queremos que este 8 de marzo sexa un día de loita efectiva, queremos mudar os nosos futuros por iso estaremos todas na rúa. Todas xuntas. 

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario