Gondomar nomea fillo adoptivo a Victoriano Taibo
· Venres 8 de febreiro ás 20:00h, no auditorio Lois Tobío
IEM / Gondomar
O escritor e mestre Victoriano Taibo, membro fundador das Irmandades da Fala e integrante da Real Academia Galega, será fillo adoptivo de Gondomar a título póstumo a partir do venres 8 de febreiro do 2019 nun acto que terá lugar no auditorio Lois Tobío de Gondomar ás 20:00h.
O goberno municipal vai nomealo a petición do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), como paso previo á solicitude dun Día das Letras na súa honra e tras anos de traballo na difusión da súa figura e da súa vinculación co municipio, dado que impartiu clases na parroquia de Morgadáns entre 1930 e 1950, a súa etapa máis prolífica.
O autor que lle da nome ao prestixioso premio de poesía organizado polo IEM, que cumpriu o ano pasado a súa undécima edición con centos de obras e de poetas participantes ao longo da súa traxectoria, será recoñecido por parte do Concello cun título que ata o de agora só ostenta Lois Tobío -diplomático, escritor e investigador da figura do conde de Gondomar- ao que está dedicado tamén o auditorio municipal.
Amenizarán o acto os alumnos e alumnas do Conservatorio Municipal e o cantautor Paco Barreiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario