EDUCACIÓN
A Xunta de Galicia convoca a proba para que os maiores de 20 anos obteñan o título de bacharelato
O prazo de inscrición ábrese o 25 de febreiro e a proba realizarase o 26 de abril
Infogauda / Galicia
A Consellería de Educación, Universidade e Formación vén de publicar a convocatoria da proba
para que as persoas maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato
na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de
Humanidades e Ciencias Sociais. O obxectivo é que as persoas que non
obtiveron esta cualificación a través das ensinanzas reguladas poidan
contar con este título a través da participación nunha proba libre.
Cómpre lembrar que a Consellería, ademais de ofertar a posibilidade de
cursar o Bacharelato para persoas adultas de forma presencial,
semipresencial e a distancia, ten á disposición da cidadanía no portal educativo para a súa descarga gratuíta as guías didácticas precisas para o seu estudo.
Poderán
participar nestas probas as persoas maiores de 20 anos (ou que os
cumpran no 2019), que non dispoñan deste título ou equivalente e que non
estean a cursar ensinanzas de Bacharelato en ningún dos réximes neste
curso. As persoas interesadas poderán matricularse dos dous exercicios
que integran a proba ou dun deles. Poderanse matricular tamén na proba,
para realizar o exercicio correspondente ás materias de Lingua Galega e
Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais,
as persoas aspirantes que teñan superadas as materias xerais e as
materias troncais de opción propias da modalidade de Artes.
O
prazo de presentación das solicitudes será entre o 25 de febreiro e o 11
de marzo de 2019. Deberán presentarse en soporte papel ou por calquera
dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do
procedemento administrativo común das administracións públicas,
utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da
Xunta de Galicia. Os centros nos que se poderá presentar son o Centro
de Educación para Adultos (EPA) Eduardo Pondal (A Coruña), o IES San
Clemente (Santiago de Compostela), o Centro EPA Albeiros (Lugo), o
Centro EPA de Ourense, o Centro EPA Río Lérez (Pontevedra) e o Centro
EPA Berbés (Vigo).
O exame celebrarase o día 26 de abril de 2019 en sesións de mañá e tarde no IES San Clemente de Santiago de Compostela.
Características da proba
A
proba organizarase de xeito diferenciado segundo as modalidades de
Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais. En calquera dos casos,
constará de dous exercicios, entre os que haberá un descanso de dúas
horas.
O primeiro exercicio, corresponderá ás materias de Lingua
Galega e Literatura I e II, Lingua Castelá e Literatura I e II,
Primeira Lingua Estranxeira I e II e unha proba combinada das materias
de Filosofía e Historia de España.
O segundo exercicio, diferente
para cada modalidade, versará sobre as materias troncais xerais propias e
as materias troncais de opción correspondentes a cada modalidade e
itinerario e dividirase en tres partes. As persoas que opten pola
modalidade de Ciencias realizarán a primeira parte da proba nas materias
Matemáticas I e II e escollerán na segunda entre Física e Química e
Física, Física e Química e Química ou Debuxo Técnico I e II. Na terceira
parte deberán escoller entre Bioloxía e Xeoloxía e Bioloxía ou Bioloxía
e Xeoloxía e Xeoloxía.
No caso dos aspirantes na modalidade de
Humanidades e Ciencias Sociais, a primeira parte constará das probas de
Latín I e II (itinerario de Humanidades) ou Matemáticas Aplicadas ás
Ciencias Sociais I e II (itinerario de Ciencias Sociais); mentres que na
segunda parte deberán escoller entre Historia do Mundo Contemporáneo e
Xeografía, Economía e Economía da Empresa ou Grego I e II. Na terceira
parte realizarán a proba correspondente ás materias de Literatura
Universal e Historia da Filosofía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario