FORESTAL
Mañá ábrese o prazo para solicitar as axudas para accións silvícolas que contan cun orzamento de 13 millóns de euros
A través destas achegas o Goberno galego prevé executar melloras en 7.000 hectáreas e chegar a 500 beneficiarios
Infogauda / Galicia
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha orde da
Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para accións
silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios,
desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do
valor ambiental dos ecosistemas forestais que contan cun orzamento de 13
millóns de euros. O prazo de solicitudes é dun mes a contar a partir de
mañá.
A través destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo
Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de
desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, a Xunta subvenciona
dous tipos de accións, unha dirixida a prácticas preventivas que
permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta
vexetal e o control selectivo de combustible vexetal para a prevención
de incendios. A segunda liña de axudas é para a realización de
tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores,
directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques
que non teñan carácter produtivo. En total, calcúlase que este ano se
podería chegar a 500 beneficiarios e actuar sobre 7.250 hectáreas de
superficie.
No que se refire aos beneficiarios, poden optar a
estas axudas as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), os propietarios
particulares de forma individual, as asociacións e as agrupacións de
propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no
Rexistro de Asociacións da Xunta. Tamén se poden acoller as cooperativas
agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de
vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais e as
comunidades de montes veciñais en man común.
Coa publicación desta
orde de achegas, a Xunta aposta pola conservación dos montes galegos e
polos traballos de prevención como fórmula para loitar contra os lumes
forestais dende a prevención. No 2018 aprobáronse 392 expedientes por
valor de 9,8 millóns de euros cos que se financiaron traballos
silvícolas en 5.536 hectáreas.
Pódese acceder á orde nesta ligazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario