13 de feb. de 2019

AMORÍN (TOMIÑO)

O Concello de Tomiño creará un espazo público arredor da igrexa de Amorín, con zonas de paseo e xogo, e máis seguridade para a veciñanza 

· A superficie total das obras supera os 2.400 m2 e o orzamento de licitación rolda os 180.000 euros  


Infografía da intervención prevista na contorna da Igrexa parroquial de San Xoán de Amorín
Fonte: C.T.

Infogauda / Amorín (Tomiño)

 Seguindo na liña de recuperación de espazos públicos nos núcleos de poboación, para disfrute dos cidadáns, o Concello de Tomiño, emprenderá a remodelación da contorna da Igrexa parroquial de San Xoán de Amorín.

 Este espazo público anexo ao adro, alberga na actualidade un palco de música e un cruceiro, e atópase pavimentado con aglomerado asfáltico, usándose como aparcamento, sen ofrecer seguridade suficiente para a veciñanza.  

 Neste espazo hai ademais, nove plátanos de gran porte; árbores que xunto coa igrexa, o cruceiro e o palco, cualifican a contorna.  

 O obxectivo da intervención é, coma xa sucedera no casco urbano de Tomiño (O Seixo), xerar un ámbito espacialmente atractivo, que invite á xente a utilizalo dun xeito seguro e accesible, potenciando así as actividades lúdicas e sociais,  e ao mesmo tempo, poñer en valor a arquitectura e o espazo público. A superficie total das obras alcanza uns 2.400 m2 e o orzamento de licitación rolda os cento oitenta mil euros.  

 Segundo explicou a alcaldesa durante a presentación aos veciños e veciñas da parroquia, celebrada hai uns días, a intervención busca “favorecer o uso peonil seguro e o fluxo de persoas, creando un espazo accesible, simplificando cotas, e mellorando as súas posibilidades de uso e mobilidade”.  

 Trátase de protexer o lugar existente diante do adro da igrexa (onde se atopan o cruceiro e o palco) do tráfico de vehículos, xerando un espazo de estancia e poñendo en valor o eixo entre o cruceiro e a igrexa. Este novo espazo converterase nunha alameda, con pavimentos brandos, de xabre compactado. Por último, procederase á colocación de xogos infantís.  

 O proxecto contempla variar as cotas da beirarrúa diante do muro de peche da igrexa; un muro de pedra labrado na súa fronte, e que está parcialmente soterrado pola beirarrúa actual, poñendo todo o ámbito á mesma cota e en plataforma única, e favorecendo así a accesibilidade universal. Por iso demoleranse ademais as escalinatas de acceso ao torreiro e construirase no seu lugar unha rampla.  

 O resultado das obras será “un espazo público contemporáneo, máis humanizado, no que prime o uso peonil, e que poña en valor a arquitectura e o propio lugar”, adiantou a rexedora local. “Incorpórase unha iluminación especifica pensada para este ámbito, e tamén un novo mobiliario urbano, bancos e papeleiras”, informou.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario