Día de Rosalía 2019
O Concello de A Guarda conmemorouno con varias actividades
O grupo Evoéh, na súa actuación do pasado sábado no Centro Cultural
Fotos: C. A.G.
Infogauda / A Guarda
O 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro, a escritora máis representativa da literatura galega. E é por iso que o 24 de febreiro foi o día escollido para rememorar a súa obra e figura en toda Galicia.
Dende a Concellería de Cultura do Concello de A Guarda, cada ano programan variadas actividades nas que procuran a implicación de diferentes colectivos, moi especialmente o alumnado dos diferentes centros. Este ano 2019 contouse coa participación das asociacións, hostaleiros e público en xeral, con diversas actividades. Éstas iniciáronse o pasado venres cunha obra de teatro de monicreques sobre «A Viaxe de Rosalía», na que participaron os colexios da vila e que celebrouse no Centro Cultural, e continúan ata o día 28 coa iniciativa «Rosalía nas Redes».
Concerto de Evoéh e recital poético
Na xornada do pasado sábado día 23 de febreiro o Centro Cultural foi o escenario do concerto do grupo Evoéh, sexteto musical que amosou unha coidada versión musical dos poemas de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, baixo o concepto de «Árbore da vida», un proxecto de investigación, recopilación, reelaboración e creación, baseado na obra “Cantares gallegos” de Rosalía e nos traballos musicolóxicos galegos que datan dese momento.
Participantes no recital poético en homenaxe á Rosalía de Castro
Evoéh leva a obra de Rosalía a unha nova dimensión musical, sumerxindo ao público na atmosfera emocional da poeta, unha ocasión inmellorable na que o público asistente coñeceu un pouco máis a súa figura e comprendeua mellor. Ademais o acto estivo acompañado por emotivos recitais a cargo de veciñas/os de A Guarda.
Caldo de Gloria para degustar
Co saboroso «Caldo de Gloria» tamén relembramos a Rosalía o valor do máis humilde
Ao longo da pasada fin de semana un total de 11 restaurantes, taperías, cafeterías e bares participaron na iniciativa “CALDO DE GLORIA” que promoveu a Fundación Rosalía de Castro entre todos os hostaleiros do país. A proposta consistíu en ofertar dentro dos menús habituais, na carta ou como tapa, o «Caldo de Gloria», receta que aparece dentro do poema “Miña casiña, meu lar” no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. A iniciativa gastronómica tivo gran repercusión e foron moitos os que aproveitaron para degustalo.
Os establecementos participantes nesta iniciativa foron La Casilla, Casa Aquilino, La Pizzicata, Tapería Arruaz, As Pozas, ¿Y la Luna?, Marbella, Enxebre, Alborada, Camping Santa Tecla e Brétema.
Continúa aberta a participación cidadá en «Rosalía nas Redes»
A Concellería de Cultura amplía o convite a participar na iniciativa «Rosalía nas Redes» entre ata o vindeiro 28 de febreiro. Só hai que facer unha gravación musicando ou recitando un poema, ou versión musicada de Rosalía de Castro da túa elección e compartilo no facebook e no twiter baixo o cancelo #Rosalíate #Aguarda etiquetando a @culturaguarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario