25 de feb. de 2019

A GUARDA

A Deputación de Pontevedra financia con máis de 120.000 euros a urbanización da rúa Calvario

Trátase dun investimento do Plan Concellos 2019, ao través do cal a Deputación pon a disposición da vila un total de 808.965,46 euros, un 2,94 % máis que no 2018

Infogauda / A Guarda

  A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, informou da aprobación pola Xunta de Goberno dun investimento para A Guarda con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, son 121.951,87 euros cos que a vila poderá financiar a urbanización da rúa Calvario entre os números 48 e 73. Este ano a institución provincial pon á disposición da Guarda ao través do plan un total de 808.965,46 euros, un 2,94 % máis que no 2018.  

 Máis polo miúdo, a actuación contempla a urbanización e mellora dos servizos existentes na rúa O Calvario. Neste eido, algunhas das obras previstas abarcan a demolición e levantado do pavimento actual, o movemento de terras, a execución de soleiras de formigón, a instalación de solados de granito, e a renovación das tubaxes de saneamento e de abastecemento.  

 Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 562.964,54 euros, o Concello de A Guarda tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 71.340,27 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 174.660,65 euros da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 15 traballadoras e traballadores para o concello.  

 Neste ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio anterior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario