4 de xan. de 2019

TORTOREOS (AS NEVES)

BENÍTEZ ANUNCIA O INICIO DE OBRAS DE MELLORA DAS ESTRADAS PROVINCIAIS DE O RABELO E RIBARTEME EN AS NEVES NESTE MES   

· O deputado de Mobilidade explica que as actuacións supoñen a construción dunha senda peonil de 800 metros e a posta en valor da igrexa parroquial cun investimento global de preto de 300.000 euros
  
A imaxe corresponde á visita do deputado Uxío Benítez a As Neves, na parroquia de Tortoreos, cando se presentou o proxecto á veciñanza
Foto: D. PO.

Infogauda / Tortoreos (As Neves)

 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará neste mes de xaneiro as obras das dúas estradas provinciais previstas para o concello de As Neves: no barrio de O Rabelo e na parroquia de Ribarteme. Segundo explica o deputado Uxío Benítez Fernández, as actuacións suporán a construción dunha senda peonil de 800 metros e a mellora da contorna da igrexa parroquial, respectivamente, cun investimento de preto de 300.000 euros. 

 No caso da estrada provincial que pasa polo barrio de O Rabelo, a EP-4006 ao seu paso pola parroquia de Tortoreos, a actuación realizarase no treito vello da estrada provincial para facilitar o tránsito dos moitos alumnos e alumnas cara aos centros de ensino de formación profesional da zona. O novo proxecto aproveitará a sección actual da vía e tamén as cunetas para deixar a mencionada senda e un carril de circulación que terá sentido ascendente entre o barrio do Rabelo e a glorieta. Instalaranse medidas de calmado de tráfico: pasos de peóns sobreelevados e tamén redutores de velocidade físicos para os vehículos que obrigarán a frear aos condutores. Unha vez a mellora estea realizada pola empresa COVSA, que dispón dun prazo de execución de catro meses, este treito da vía será transferida ao concello para o seu mantemento.  

 Por outra parte, a mellora da contorna da igrexa de Santa Marta de Ribartemeserá responsabilidade da empresa Construcciones Casas, que disporá de tres meses de prazo de execución. A actuación na estrada provincial EP-4201 entre Setados-Ribarteme-Vide comprenderá 1.900 metros cadrados e buscará “crear un espazo atractivo, seguro e accesible, potenciando actividades e poñendo en valor a arquitectura do edificio parroquial e o propio espazo público”. 

 Segundo explica o deputado, o proxecto, denominado ‘Mellora da seguranza viaria na EP-4201 na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme’ ten un orzamento de licitación de 191.760,92 euros e foi adxudicado por 151.107,61 euros. A actuación pretende calmar o tráfico e mellorar a seguridade e a mobilidade peonil, poñendo en valor dun xeito sensible o espazo e o elemento protexido cunha praza frontal á igrexa pavimentada con adoquíns e bandas de pedra. Haberá tamén pavimentos de formigón coloreado nas zonas anexas á vía.

 Tamén se vai mellorar o entronque da estrada co paso cara ao núcleo de O Coto, modificando o radio de xiro e as rasantes para redondear o encontro coa estrada provincial. Dotarase de maior accesibilidade ao acceso á igrexa e ao cemiterio corrixindo as dúas ramplas de acceso ao adro dendea estrada, e renovarase a iluminación, deseñando luminarias específicas de balizamientosobre o pavimento, luminarias led pegadas aos muros de pedra , tiras de led empotradas nos bancos,  luces para iluminar as fachadas da igrexa mediante proxección, e proxectores led para a imaxe granítica da virxe sobre o muro de contención.

Ningún comentario:

Publicar un comentario