25 de xan. de 2019

SALCEDA DE CASELAS

Segundo afirma o Partido Popular

O CONCELLO DE SALCEDA APRÓPIASE DE MOITAS POZAS DOS REGANTES SEN ACHEGAR DOCUMENTACIÓN QUE ACREDITE A PROPIEDADE  

Tampouco presentou papeis que recollan datos das parcelas municipais: extensión, perímetro, linderos, etc. Para o PP isto é unha “chapuza” que coloca aos veciños nunha situación de “indefensión”
   
Santiago Rodríguez Davila, portavoz dos populares salcedenses

Infogauda / Salceda de Caselas

 O PP de Salceda de Caselas votou en contra da “apropiación” de moitas das pozas dos regantes, no pleno extraordinario celebrado o martes no Concello de Salceda, onde se debateu a aprobación do inventario de bens municipais, entre os que o goberno local incluíu ditas pozas “cuxos donos son os regantes, por uso, costume e tradición de décadas” sen acreditar documentación algunha sobre a súa propiedade. “Estas pozas foron construídas polos veciños para que puidesen utilizalas para mellorar as súas colleitas. Están situadas sobre leiras privadas, polo que o PP non vai ser cómplice deste atropelo en maiúsculas que deixa en desamparo aos regantes”, denuncia Santiago Rodríguez Davila, portavoz dos populares salcedenses, quen tacha de “expropiación en toda regra sen ningún procedemento”, afirmando igualmente que esta “manobra” do alcalde, é intolerable.  

 O acordo saíu adiante cos votos a favor do PSOE, a pesar de que o goberno local non avalou a propiedade destes terreos con ningún documento. “Casualmente quedan fóra desta listaxe de pozas, aquelas cuxos veciños reclamaron como donos ós regantes, o resto directamente quedáronseas porque si”, apunta Rodríguez Davila.  

Parcelas sen fichas técnicas de extensión, linderos, perímetro…  

 Pero non só as pozas, entre a listaxe de bens municipais tamén se inclúen parcelas das que non se mostrou ningunha ficha técnica, como superficie, linderos ou perímetro, para que os propietarios lindeiros puidesen presentar as súas alegacións. Documentación da que o PP de Salceda non ten constancia de que exista actualizada. Para Santiago Rodríguez Davila, isto é unha auténtica “chapuza, cun expediente incompleto, a falta deses documentos, fichas técnicas…” que deixa nunha situación de “indefensión” aos veciños afectados.     

 O PP de Salceda afirma compartir o 80% do contido do inventario aprobado, no que se incluíu unha listaxe de fontes, parcelas e bens solicitados polos populares, pero asegura que o 20% restante que deixaron fóra, relativo á demostración, xustificación e información detallada das propiedades e as características de pozas e parcelas, é “fundamental” para poder votar a favor do documento.  

 “Non pode chegar o Concello e apoderarse dunhas propiedades das que non é dono, sen achegar ningún tipo de documentación ou explicación convincente, iso é propio de réximes ditatoriais, e ao Alcalde gústalle ese procedimento”, apostilou Rodríguez Davila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario