9 de xan. de 2019

PONTEVEDRA

Pontevedra acolle este xoves a presentación do libro "Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo" na xira que a Deputación está a levar pola provincia 

A obra colectiva, iniciativa da Deputación de Pontevedra e da Editorial Galaxia, recompila os testemuños de oito mulleres que relatan a súa experiencia na histórica mobilización do 8 de marzo


Infogauda / Pontevedra

 O Palacete das Mendoza de Pontevedra acollerá este xoves día 10 de xaneiro, ás 20:00 horas, a segunda parada da xira de presentación do libro colectivo Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo, obra publicada pola Editorial Galaxia froito da iniciativa da Deputación de Pontevedra. O libro, que partiu da escritora Inma López Silva e na que participaron oito mulleres que traballan en distintos eidos, recompila os seus testemuños e experiencias durante a folga que tivo lugar o ano pasado con motivo do Día Internacional da Muller e que converteuse nun símbolo na historia do movemento feminista. A afluencia ao acto será libre ata completar a capacidade da sala.  

 A presidenta da Deputación, Carmela Silva Rego, participará no acto de presentación no Palacete das Mendoza xunto á escritora e coordinadora do libro, Inma López Silva, á xuíza, Paz Filgueira, á xornalista Susana Pedreira, á libreira Mercedes Corbillón, á funcionaria Sarai González, á matrona Susana Iglesias e á estudante Sandra Núñez. Ademais, acompañará ás autoras o director de Galaxia, Francisco Castro.  

 O libro partiu das ideas da escritora Inma López Silva quen contactou con mulleres que traballan en distintos eidos para plasmar a súa visión sobre a xornada do 8 de marzo. Así, na obra recóllense testemuños dunha empresaria, unha profesora e fotógrafa, unha funcionaria, unha xuíza, unha matrona, unha escritora, unha estudante e unha xornalista. Todas elas amosan vivencias moi similares, case idénticas, e relatan con sinceridade a experiencia de ser muller nunha sociedade machista.  

 A presentación da obra terá lugar en oito municipios da provincia de Pontevedra. Así, tras pasar xa por Vigo e este xoves por Pontevedra, a xira seguirá noutros seis concellos da provincia co obxectivo de lograr que o maior número de persoas posible teñan acceso ao libro. As seguintes paradas terán lugar en Vilagarcía de Arousa o 17 de xaneiro, Redondela o 31, Baiona o 7 de febreiro, Salceda de Caselas o 14, Ponteareas o 21 e Bueu o 28 de febreiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario