9 de xan. de 2019

A GUARDA

O Concello mellora a seguridade dos maiores 

Coa entrega de detectores de fume  

O alcalde e o concelleiro de Emerxencias, coas persoas que recolleron na mañá de hoxe os detectores de fume
Fotos: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda a través da Concellería de Emerxencias fixo entrega na mañá deste mércores dos primeiros 50 detectores de fume destinados prioritariamente aos maiores de 65 anos do municipio, un segmento da poboación máis propenso a sufrir accidentes vencellados ao lume nas súas vivendas.   

 Segundo explicou o concelleiro de Emerxencias, Miguel Ángel Español Otero, un total de 200 destes aparellos están a disposición de quen os precise para repartir dende o consistorio, preferiblemente entre os maiores de 65 anos que vivan sos, para evitar situacións de risco de incendio e detectar de xeito rápido os fumes no interior das vivendas. O reparto realizase a través do Concello e en colaboración con colectivos que traballan na vila con persoas maiores.  

 Este aparello, que funciona con baterías de 9v, ten un mantemento mínimo, colócase de xeito moi sinxelo e ven acompañado dunha guía e consellos onde se explica de xeito moi fácil como hai que colocalos, preferiblemente nas cociñas dos fogares, por ser o lugar onde é máis doado ter un incendio.  

O alcalde - no centro da imaxe - en presenza do concelleiro de Emerxencias, dirixíndose ás persoas que recolleron os detectores de fume

 Na mañá deste mércores o concelleiro de Emerxencias, Miguel Ángel Español Otero e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, fixeron a entrega dos primeiros 50 detectores, pero aínda hai máis dun cento deles para repartir entre as persoas que os soliciten. As persoas interesadas en obter este aparato de detección de fume deberán dirixirse as oficinas municipais (Alcaldía) de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas e xa se lles entregarán nese mesmo momento.  

 A entrega destes detectores é froito dun convenio coa Axencia Galega de Emerxencias e a Deputación de Pontevedra, dentro do programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e baixo os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional “unha maneira de facer Europa”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario