7 de xan. de 2019

PEDORNES (OIA)

Baixo o título “6x6. Punto de Encontro. O Arrabal”  

O obradoiro veciñal de teatro para revalorizar e difundir o patrimonio volve a Oia   

As sesións son gratuítas e desenvolveranse os venres de 19:00 a 21:00 horas no Centro Cultural de Pedornes 
  
Público e participantes dunha das representacións da edición precedente
Foto: C.O.

Infogauda / Oia

 O Concello de Oia organiza a segunda edición do obradoiro de teatro veciñal para difundir e revalorizar o patrimonio local. A iniciativa é gratuíta e desenvolverase a partir do 1 de febreiro baixo o título “6x6. Punto de Encontro. O Arrabal”.  

 A actividade será impartida por A Artística Teatro & Danza os venres de 19:00 a 21:00 horas no Centro Cultural de Pedornes. Comezará o 1 de febreiro e se desenvolverá ata principios de xuño.  

 A representación final terá lugar no aniversario da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do Mosteiro de Oia, que se celebrará os días 2 e 3 de xuño.  

 O prazo de inscrición está aberto ata o 24 de xaneiro. As prazas son limitadas.  

Éxito da primeira edición  

 Tras a boa acollida da primeira edición (cunha trintena de persoas inscritas de todas as idades), o éxito de público asistente á visita dramatizada polo Arrabal organizada dentro do obradoiro e a calidade interpretativa acadada polos participantes, o Concello de Oia decidiu convocar unha nova edición.   

 En canto aos obxectivos relacionados co patrimonio, esta iniciativa revelouse como unha boa ferramenta á hora de revalorizar o patrimonio local, aumentar a conciencia veciñal arredor del e dinamizar o turismo baseado nos valores culturais.  

 A Artística Teatro & Danza, responsable artística da primeira edición (desenvolvida baixo o título “6x6. Punto de Encontro. Costa dos Castros”) estará de novo á fronte deste obradoiro. O seu proxecto, enmarcado dentro das artes escénicas, dedícase á formación, promoción, creación, investigación e experimentación do teatro e a danza contemporáneas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario