O Concello de Oia continúa coa campaña de compostaxe doméstica
As persoas interesadas poden solicitar o seu composteiro individual ata o 31 de xaneiro no Concello. É gratuíto.
Mestra composteira e dous composteiros individuais
Foto: D. PO.
Infogauda / Oia
O Concello de Oia continúa coa súa campaña de compostaxe doméstica distribuíndo, de xeito gratuíto, composteiros individuais entre as persoas que o soliciten. As solicitudes poderán presentarse no Concello ata o día 31 de xaneiro.
O Concello anima á veciñanza a empregar estes dispositivos nos seus fogares e lembra que a compostaxe é unha oportunidade para reciclar os residuos orgánicos: o compost que se fabrica (rico en materia orgánica e minerais) pode ser reutilizado nas hortas domésticas por ser un bo fertilizante para o solo.
Ata o de agora, lévanse repartidos un total de 63 composteiros individuais en domicilios das 6 parroquias de Oia, entregados por Sogama.
Por outra banda, o CEIP Mestre Manuel García conta cun composteiro comunitario para a reciclaxe dos restos orgánicos procedentes do comedor deste centro escolar. Neste caso, a iniciativa se enmarca dentro do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
Beneficios da compostaxe
O compost é un excelente abono para as hortas domésticas, pois contribúe a que as plantas teñan maior resistencia ás pragas e enfermidades sen necesidade de empregar fertilizantes artificiais e pesticidas. Así mesmo, este produto natural é beneficioso para a estrutura e a saúde do solo.
Ademais, o compost axuda a diminuír a produción de residuos, pois a materia orgánica é reutilizada en vez de ser botada aos contedores de lixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario