29 de xan. de 2019

MOBILIDADE

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA LEVARÁ O SEU MODELO DE MOBILIDADE AMABLE A MÁLAGA E FUERTEVENTURA  

· O deputado Uxío Benítez participará en Málaga como relator no ‘V Encontro de cidades’ organizado pola Dirección Xeral de Tráfico e a FEMP   

· A institución provincial viaxará á illa canaria cunha ducia de concellos pontevedreses para asistir ás xornadas de formación e ao encontro estatal da rede de Cidades dos Nenos e das Nenas de Tonucci 


O vicepresidente César Mosquera - esq. - e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de consolidarse como un referente no ámbito da mobilidade amable e exporá de novo o seu traballo o vindeiro mes de febreiro en dous encontros estatais aos que acudirán centos de concellos. A Dirección Xeral de Tráfico e a FEMP manifestaron o seu interese en que a Deputación de Pontevedra participe no ‘V Encontro de cidades’ baixo o lema ‘Cara a unha nova mobilidade urbana’, e o Cabildo de Fuerteventura solicitou a presenza do vicepresidente César Mosquera nunha xornada formativa co gallo do ‘IV Encontro español de Cidades dos Nenos e as Nenas’.  

 Segundo explica o deputado Uxío Benítez, o convite para acudir ao encontro de cidades de Málaga dos días 6 e 7 de febreiro chegou de maneira informal no VI Congreso Iberoamericano de Seguranza Viaria (CISEV) celebrado en Perú, onde o propio director do Observatorio Nacional de Seguridade Viaria da Dirección Xeral de Tráfico se mostrou amplamente interesado no modelo de mobilidade que está a desenvolver a institución provincial. Formalmente a Deputación presentou o seu relatorio e foi seleccionada para participar na primeira mesa debate do encontro, xusto despois da inauguración a cargo do director da DXT, Pere Navarro.   

 O deputado Uxío Benítez falará da ‘Estratexia de Mobilidade 3.0: o espazo público para as persoas’ na primeira xornada, xunto coa tenente de alcalde delegada de Mobilidade de Málaga, Elvira Maeso; e o concelleiro de Mobilidade Sustentable e Espazo Público de Valencia, Giuseppe Grezzi. Tamén estarán presentes no encontro representantes dos concellos de Madrid, Barcelona, Avilés ou Sevilla, así como da Deputación de Barcelona e da Deputación Foral de Gipúscoa, entre outros.   

 Segundo manifestou o propio deputado, o interese amosado pola DXT é para a Deputación un orgullo e un recoñecemento importante ás políticas provinciais, “xa que lles interesa que se dea a coñecer a nosa Estratexia de Mobilidade”. Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera destacou que a participación da Deputación no encontro é un reflexo importante de que existe “unha política clara cuns obxectivos definidos marcados en pouco espazo de tempo”. Lembrou, así mesmo, que o propio concello de Pontevedra xa participara na primeira edición deste evento e fora recoñecido cun premio polo seu modelo de cidade ao ano seguinte.  

Fuerteventura 

 A segunda cita na que haberá representación da Deputación será na ‘Xornada de formación básica do proxecto internacional Cidade dos Nenos e das Nenas’ do pedagogo Francesco Tonucci, que se celebrará os días 12 e 13 de febreiro en Fuerteventura, e de maneira previa ao IV Encontro español de cidades adheridas á rede. O vicepresidente Mosquera, xunto co asesor provincial de Mobilidade Jesús Fole exporán o cambio producido na cidade de Pontevedra e como esa filosofía se está a estender da man da Deputación ao resto da provincia. Tamén participarán nunha recepción oficial do Cabildo de Fuerteventura, así como en diferentes actividades programadas polo goberno canario.  

 Ademais, os representantes da Deputación, como xa se fixera en exercicios anteriores, viaxarán ata Fuerteventura cunha delegación dunha ducia de concellos pontevedreses membros da ‘rede Tonucci’ (Tomiño, O Grove, Ponteareas, Ribadumia, Lalín, Vilaboa, A Guarda, Cangas, Cambados, Salceda de Caselas, Vilagarcía e Pontevedra) para participar no encontro anual estatal.   

 Nese encontro, os municipios pontevedreses asistirán a varias conferencias do propio FrancescoTonucci, e tamén do investigador social Marco Marchioni, coñecido polas súas achegas no campo da invertención comunitaria e a participación. Así mesmo, está por confirmar o relatorio centrado na visión das nenas sobre as cidades achegada pola socióloga Amparo Tomé, coautora do libro ‘Con ollos de nena’ xunto a Francesco Tonucci.  

 Outro dos puntos a tratar no encontro da rede española será a organización interna, con cuestións a tratar como os criterios de incorporación, a redacción dun plan de formación, a elección dun comité de coordinación ou dun comité asesor. Neste sentido, a Deputación de Pontevedra fará unha proposta para ser a sede organizativa de toda a rede estatal de cidades, tal e como fora solicitado xa hai tempo polo propio Francesco Tonucci e recentemente pola propia organización do congreso de Fuerteventura. A proposta terá que ser debatida xunto con outras formuladas polo resto dos integrantes e aprobada en asemblea.

 Por outra banda, o vicepresidente Mosquera sinalou que o Colexio de Enxeñeiros de Madrid organizará de xeito inminente en Madrid un curso de formación para asociados baseado na ‘Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable’ da Deputación e tamén no manual do Concello de Pontevedra redactado por Fernando Nebot. “Todos estas chamadas para participar en encontros e explicar o noso modelo son un recoñecemento ao traballo feito”, subliñou Mosquera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario