28 de xan. de 2019

LABORAL

Uns 200 delegados/as da CIG na automoción mobilízanse contra os despidos no CETEC 

Todo o cadro de persoal secundou os paros de catro horas para esixir a readmisión dos dous compañeiros

Arredor de 200 delegados/as da CIG na automoción participaron hoxe na mobilización
Foto: CIG

Infogauda / Mos

 Arredor de 200 delegados/as da CIG na automoción participaron hoxe na mobilización convocada ás portas das instalación do Grupo Copo en Mos para rexeitar o despedimento de dous traballadores no CETEC e reclamar a súa inmediata readmisión. Todo o cadro de persoal secundou os paros de catro horas convocados en cada unha das tres quendas para reclamar a readmisión dos dous compañeiros.

 Os representantes sindicais da central nas principais empresas do sector do automóbil concentráronse diante da sede de Copo no concello pontevedrés de Mos ás 11:00 horas, onde despregaron unha faixa esixindo a readmisión dos despedidos no Centro Tecnolóxico do Grupo Copo (CETEC) e berraron consignas como “Non máis despidos no Grupo Copo”, “Carlos e Nacho somos todos”, “Copo, escoita, a CIG está en loita” e “Traballo digno na automoción”.

 A continuación saíron en manifestación cara ao centro de Mos, continuando cunha ruidosa protesta polas rúas da localidade. Á cabeza da marcha, o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, e da federación de Industria, Xulio Fernández, que acompañaban os dous traballadores afectados. Todo o cadro de persoal, que participou na protesta, secundou os paros de catro horas tanto na quenda de noite como na de mañá, e agárdase que na de tarde o seguimento sexa tamén total.

 A mobilización rematou diante das oficinas principais do Grupo Copo, situadas a carón do propio CETEC, onde o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo deixou moi claro que a central non cesará na loita até que os dous afectados sexan readmitidos ou recolocados. Xulio Fernández inseriu estes despedimentos dentro da estratexia de precarización que está a levar a cabo a dirección de Copo para aforrar custes salariais desfacéndose de persoal con antigüidade e vaticinou que a conflitividade laboral rematará por estenderse ao resto do grupo.  

Precarización imparábel  

 De igual xeito, fixo fincapé en que o conxunto do sector non debe permanecer alleo a o que está a acontecer, xa que “a precarización laboral é un proceso imparábel en todas as empresas do automóbil”. Neste senso, lembrou que o novo director de PSA Citroën de Vigo adiantou recentemente que o futuro da factoría pasaba por, entre outras cuestións, afondar na flexibilidade laboral para competir con países con salarios máis baixos.  

 “A intención de Citroën vai ser que este empeoramento das condicións de traballo chegue tamén a todas as empresas provedoras e auxiliares, polo que temos que estar preparados e organizados para dar a batalla en cada unha das empresas”, incidiu. Finalmente, adiantou que seguramente “esta non vai ser a última vez que non teñamos que mobilizar diante de Copo” e apelou á solidariedade dos delegados/as e traballadores do sector “porque Carlos e Nacho somos todos/as”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario