DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E CONCELLO DE GONDOMAR ASINAN O CONVENIO PARA MELLORAR O CRUCE ENTRE O NÚCLEO URBANO E AS ESTRADAS PROVINCIAIS DE PEITIEIROS E CHAÍN-MORGADÁNS
· O investimento será de 272.000 euros e permitirá crear unha nova glorieta, mellorar beirarrúas, crear zonas de convivencia, calmar o tráfico, e renovar e soterrar servizos
A presidenta Carmela Silva Rego - no centro da imaxe -, o deputado Uxío Benítez Fernández - a esq. -, e o alcalde Juan Francisco Ferreira, logo da sinatura do convenio
Foto: D. PO.
Infogauda / Gondomar
A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, e o Concello de Gondomar formalizaron hoxe coa sinatura dun convenio o acordo para levar adiante as obras de mellora do cruce que conecta o núcleo urbano da vila (rúas San Bieito e Emigrante) coas estradas provinciais de Peitieiros e Chaín-Morgadáns. No acto, no que estiveron a presidenta Carmela Silva Rego, o deputado Uxío Benítez Fernández, e o alcalde Juan Francisco Ferreira González, confirmouse que o investimento do proxecto será de 271.569,35 euros, aportados nun 70% pola institución provincial en nun 30% pola administración local.
Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, a obra xurde da solicitude do Concello polas moitas deficiencias da intersección, que presenta unha grande falta de seguranza viaria para os tránsitos peonís e o tráfico rodado.Destacou que foi o propio concello o que redactou o proxecto seguindo os novos criterios provinciais de mobilidade e o estilo de tratamento urbano do concello e que, a cambio da mellora, a Deputación transferirá ao Concello os treitos de vía reformados.
Coa nova actuación na zona, dixo Benítez, ampliaranse as beirarrúas ata os 2,5 metros de largo; crearanse zonas de convivencia pavimentadas con lastros; instalaranse elementos de calmado de tráfico (pasos de peóns sobreelevados); melloraranse os servizos de alumeado público, recollida de augas pluviais e residuais; soterraranse as instalacións de enerxía e comunicacións; e adecuarase a parada de autobuses e as zonas de carga e descarga, dando unha maior calidade urbana á zona.
O proxecto tamén mellorará a conexión rodada das rúas San Bieito e Emigrante coas vías provinciais a Peitieiros, Chaín, e Morgadáns. A actual glorieta será demolida e darase un raio de xiro axeitado para favorecer o tránsito de vehículos grandes, xa que segundo dixo Benítez nestes momentos hai “certa confusión”.
“Co novo deseño queremos facilitar a mobilidade peonil e motorizada e que os vehículos se dean conta de que están a entrar nun núcleo urbano, por iso se apostou por crear unha zona 30 de velocidade e un tratamento diferenciado. Esta é a mellor solución para a intersección das estradas provinciais e as rúas do concello, xa que o proxecto segue os criterios tanto da Deputación comoo deseño doutras rúas do Concello”, finalizou.
Espazo de convivencia
Pola súa banda, a presidenta da Deputación Carmela Silva subliñou o cambio no modelo de mobilidade que está a levar adiante o novo goberno provincial, xa que a provincia de Pontevedra “non se parece en nada á que atopamos hai tres anos e medio”. “Apostamos pola recuperación do espazo público e dar servizos actuais á veciñanza. Poñemos aos peóns como protagonistas das nosas actuacións tanto nas estradas provinciais como nas vías municipais (…) e hoxe todo o mundo aplaude o noso modelo”, destacou a mandataria.
En canto a Gondomar, Silva subliñou que o alcalde Francisco Ferreira tivo claro dende o primeiro momento que quería tamén un cambio no seu concello,que ata hai pouco estaba concibido para os vehículos e non para a convivencia “sendo difícil a vida humana”. “Era preciso reconverter o concello nun espazo para o encontro cidadán, crear un centro de convivencia e facer amable o espazo público”, salientou, lembrando tamén a actuación que o goberno provincial está a levar adiante na Praza da Paradela. “É certo que Gondomar está de noraboa con esta Deputación” dixo, xa que recibe fondos do Plan Concellos, de plans como o de Reequilibrio ou o DepoRemse ademais de actuacións nas estradas provinciais do departamento de Mobilidade.
Finalmente, o alcalde de Gondomar Juan Francisco Ferreira agradeceu á presidenta e ao deputado de Mobilidade as actuacións da Deputación “que están a transformar o Concello de Gondomar e converténdoo nun espazo de convivencia”. O rexedor destacou que a obra do convenio supón un bo enlace entre o urbano e o interurbano, mellora servizos e dotacións e continúa a mellora de pavimento que se fixo na estrada provincial Chaín-Morgadáns na que se investiron máis de 400.000 euros dende a Deputación.
“Este proxecto é un dos tantos da Deputación no concello, que son as dúas administracións que están a traballar en Gondomar, xa que o resto están desaparecidas e non se lles espera, pero cos investimentos desta casa –referíndose á Deputación- estamos a transformar Gondomar, onde haberá un antes e despois”, subliñou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario