Costas do Estado aproba a redacción do proxecto de rexeneración do litoral da praia Lamiña (Camposancos)
· Denomínase “Estabilización de la margen derecha del Río Miño en su desembocadura, término municipal de A Guarda”, e conta cun orzamento total de 40.898,00€ IVE incluido.
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e a concelleira Mª Elena Baz Rodríguez, na zona da Lamiña, onde se poden apreciar claramente os danos na praia e no cordón dunar do piñeiral do Feno (Camposancos)
Fotos: C.A.G.
Infogauda / Camposancos (A Guarda)
O Ministerio para la Transición Ecológica ven de aprobar no pasado mes de decembro o expediente de contratación de servizos para a redacción do proxecto “Estabilización de la margen derecha del Río Miño en su desembocadura, término municipal de A Guarda”, mediante procedemento aberto cun orzamento total de 40.898,00€ IVE incluido.
Deste xeito, segundo afirma o executivo municipal do Concello de A Guarda, a Directora General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar, Ana María Oñoro Valenciano, comprométese a aprobar o prego de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas así coma o expediente de contratación para o citado proxecto que dará pé ao inicio dos traballos precisos para a rexeneración desta ribeira, gravemente afectada por unha forte erosión que provocou unha perda de áridos que afecta arestora a unha ampla franxa do litoral e do ecosistema dunar existente no piñeiral do Feno (Camposancos), na zona próxima á desembocadura do río Miño.
No ano 2015 o Servizo Provincial de Costas propuxo e executou na zona próxima ao Codesal unha actuación de protección do litoral con sacos terreiros, ante a solicitude feita dende o consistorio local polo deslizamento do sendeiro próximo, actuación que na actualidade se atopa “en total ruina” e da que dende o concello tamén se solicita a súa reparación.
O equipo de goberno do concello da Guarda mantivo unha reunión monográfica a que acudiu tamén o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, Rafael Álvarez Martínez e o ex alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas. As conclusións desta reunión, ao entender do equipo do goberno, están na liña de defender os intereses do concello da Guarda e os valores mediombientais do espazo que sofre o problema erosivo, e pódense resumir nas seguintes:
• Débese evitar que a auga do río entre na zona inundable que está por dentro do cordón dunar, que segundo o informe ten unha extensión aproximada de 150x30 m.
• Débese evitar que continúe a erosión do litoral coa conseguinte perda do cordón dunar e da praia.
• A solución que se adopte debe evitar a reprodución do problema no futuro polo que debe facilitar a rexeneración natural da praia e do ecosistema dunar. Non parece razoable gastar os cartos públicos en actuacións con risco de destrución como sucedeu na “escollera” do Codesal.
• Para o concello resulta de interese que a zona da praia que desapareceu pola erosión do litoral poida recuperarse como un espazo de uso público. Hai que lembrar que a praia do Muiño ten os distintivos de Bandeira Azul e Eco-Praia.
• O concello entende que, ademais das consideracións medioambientais, debe terse en conta a preservación e mantemento do dominio público que é unha competencia de Costas do Estado.
Nestes días o concello está pendente dun acordo entre Costas do Estado e Medio Ambiente da Xunta de Galicia para acometer unha solución provisional que evite que continúe o deterioro que está a sufrir o litoral.
Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda, seguirá de preto este proceso para tentar que a solución a esta problemática se realice de acorde aos intereses comúns e medio ambientais da vila e dos seus cidadáns, para evitar, na medida do posible, que se volva a repetir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario