29 de xan. de 2019

A GUARDA

O Concello aprobou a conta xeral do 2017

· O equipo de goberno salienta que a 31 de decembro de 2018 o saldo nos bancos é de 1.362.519,38€ e que, por primeira vez, a débeda con bancos sitúase en 0€ 



Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda ven de aprobar na sesión plenaria do pasado venres a conta xeral do exercicio 2017, o que desde o grupo de goberno que preside Antonio Lomba Baz, se cualifica como unha boa nova para o municipio.  

 A aprobación das contas xerais do exercicio 2017 materializouse cos votos a favor do equipo de goberno e da concelleira non adscrita Fátima Iglesias, votando en contra o Partido Popular, o Bloque Nacionalista Galego e o concelleiro de Converxencia Galega. O asunto prosperou ao facer valer o alcalde o seu voto de calidade para desfacer o empate na votación.  

 Segundo afirma o executivo municipal a aprobación da conta xeral é unha cuestión importante para o Concello, posto que disto depende que se poda acceder a determinadas subvencións e axudas, en particular ás da Xunta de Galicia, que establecen como requisito previo ter as contas xerais aprobadas antes da presentación destas solicitudes 

MÁIS DE 1.362.500,00 EUROS DE SALDO, E SEN DÉBEDA CON BANCOS

 “Nestes momentos estase a elaborar a liquidación ao exercicio correspondente ao 2018 e se pode adiantar que o saldo en bancos a data 31 de decembro de 2018 é de 1.362.519,38€ e que, por primeira vez, a débeda con bancos sitúase en 0€, salienta o equipo de goberno local.

 Asemade desde o executivo do Concello de A Guarda lémbrase que a aprobación das contas xerais é un acto formal que non supón estar de acordo co contido das mesmas, senón que se aproba para que os órganos fiscalizadores externos, coma o Consello de Contas, podan facer a súa labor. Estas contas xerais contaban co informe favorable do interventor do concello e tamén foi informada favorable en diferentes comisións informativas.  

 As mesmas fontes municipais fan á seguinte valoración: “Non resulta comprensible que se vote en contra destas contas, tentando imposibilitar a solicitude de novas subvencións e axudas para o municipio, subvencións que non serán executadas pola corporación actual, senón pola que resulte das vindeiras eleccións de maio de 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario