29 de xan. de 2019

A GUARDA

 “Comercio Innova Plus” 

Remataron na vila as sesións formativas dirixidas a comerciantes e empresarios 

O alcalde de A Guarda e a concelleira de Desenvolvemento Económico, con dúas formadoras e participantes da última sesión do Programa de Innovación para o Comercio “Comercio Innova Plus”
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda rematou o Programa de Innovación para o Comercio “Comercio Innova Plus”, dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unhas actividades nas que se incluíron xornadas formativas, píldoras e charlas dende o pasado mes de novembro de 2018.   

 O luns día 28 de xaneiro tivo lugar na Casa dos Alonso, a última charla titulada «Compartindo talento: Xuntos chégase máis lonxe», impartida por Mariem Filgueira Pérez, licenciada en Dirección e Administración de Empresas, con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial e directora de Proxectos de Consultoría e Innovación na cidade de Pontevedra.

Mariem Filgueira Pérez - a dereita da imaxe - dirixindo un exercicio práctico realizado na sesión de onte

 Nesta charla os comerciantes asistentes puideron comprobar como atopar alianzas, como construílas e dar os primeiros pasos cara un camiño cheo de oportunidades creando sinerxias no traballo colaborativo entre empresas da nosa contorna o con fins similares.  

 Estas accións formativas tiveron como obxectivo que o comercio da vila coñecese as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades foron de balde e non foi necesaria a realización dunha inscrición previa.  

 Esta actividade constituíu a continuación do programa «Comercio innova», que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.  

 No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit, ubicada no Centro Cultural, sobre «Utilización Práctica de Instagram», e «Utilización práctica de Facebook», rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas. 

 “Comercio Innova Plus” contou co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario