29 de xan. de 2019

DEPORTES

A Deputación Provincial aproba as bases das subvencións para o deporte náutico e o deporte federado de ámbito nacional con máis de 1,2 millóns € 

A Xunta de Goberno provincial, presidido por Carmela Silva, vén de darlle o visto bo a estas axudas, cuxo prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte da súa publicación no BOP

Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases das subvencións a clubs deportivos da provincia para o deporte náutico no ano 2019, así como para clubs deportivos que participan en competicións federadas de ámbito nacional durante este ano. A presidenta provincial, Carmela Silva Rego, explicou que ambas partidas suman 1.275.000 euros, aos que hai que sumarlles os 600.000 euros das subvencións aprobadas a semana pasada para clubs que participan en competicións de ámbito inferior ao nacional.  

 As subvencións para o deporte náutico buscan apoiar a clubs deportivos federados de deporte náutico na tempada 2018-2019 ou na tempada 2019. O obxectivo é apoialos na súa participación en ligas e competicións oficiais de ámbito provincial, autonómico ou nacional, convocadas por federacións deportivas galegas ou nacionais. O importe total destinado a estas axudas é de 500.000 euros.  

 A outra convocatoria aprobada pola Xunta de Goberno diríxese aos clubs federados da provincia de ámbito nacional que teñan como mínimo un equipo participante na categoría sénior, así como a clubs que participan na 3ª división de fútbol. O orzamento para esta iniciativa ascende a 775.000 euros. A finalidade é axudar aos clubs na súa participación en ligas e competicións oficiais e ámbito nacional, convocadas por organismos ou federacións deportivas galegas ou españolas.  

 As concesións de ambas subvencións realizaranse en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta criterios fixos e obxectivos recollidos nas bases de cadansúa convocatoria. Entre outros, téñense en conta o número de licenzas federativas, o número de categorías, o número de licenzas femininas ou a posesión de licenzas de deporte adaptado. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no BOP.

Ningún comentario:

Publicar un comentario