20 de out. de 2018

A GUARDA

BALONMÁN FEMININO
EHF CUP

O MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS RECIBE O HYPO NIEDERÖSTERREICH

· Este domingo 21 de outubro, ás 19:00 h., no pavillón da Sangriña



Infogauda / Deportes

O Mecalia Atlético Guardés buscará este domingo unha clasificación histórica na EHF Cup, a segunda competición continental tras a liga de Campións. O equipo de José Ignacio Prades deberá remontar na Sangriña o resultado encaixado en Austria (22-20) contra o Hypo Niederösterreich.

Para iso, o equipo do Baixo Miño volverá contar unha vez máis co inestimable respaldo da súa calorosa afección. Xa desde a semana pasada están á venda as entradas para o choque.

Os prezos fixados polo club para este partido son de 10 € para os socios de categoría adulto e sub 20; de 15 €, non socios adulto e sub 20; e gratuíta para todos os menores de 13 anos.

Árbitros: Eskil Braseth e Leif Andre Sundet (Noruega). Delegado: Colin Wills (GBR).

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

PATRIMONIO AUTORIZA A COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MÁN COMÚN DE CAMPOSANCOS A SINALIZAR OS SENDEIROS DO TREGA

A data límite de colocación é o vindeiro 29 de outubro de 2018

Camposancos desde o monte Santa Trega
Foto: Infogauda

José Fernando Martínez Martínez / Camposancos

 Despois de moitos atrancos con Patrimonio e unha forte discusión na delegación que nos había tirado o proxecto financiado o 100 % pola  Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), rectificaron e autorizáronnos a sinalizar os sendeiros do Trega do noso territorio. Serán 24 fitos de pedra silvestre e tres paneis informativos, estes serán os mesmos que xa hai renovados. 

 Temos como data límite de colocación o próximo día 29. Un tema que iniciamos o día 17 de marzo e ata o día 18 non se nos deu o visto bo.

GOIÁN

IV ENCONTRO INTERNACIONAL DE BOMBOS

Sábado día 3 de novembro, a partir das 16:30 h., na Praza de Goián


GOIÁN (TOMIÑO)

DUASCENTAS PERSOAS PARTICIPARON NAS ACTIVIDADES NÁUTICAS ORGANIZADAS ESTE VERÁN POLOS CONCELLOS DE TOMIÑO E VILA NOVA DE CERVEIRA 

O PROGRAMA, ESPECIALMENTE PENSADO PARA PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA, FOI UN ÉXITO

O pantalán adaptado foi o punto de partida das xornadas náuticas compartidas por Vila Nova de Cerveira e Tomiño 
Foto: C. T.

Infogauda / Goián

 O pantalán adaptado instalado hai uns meses na praia de Goián, xunto ao Espazo Fortaleza, foi o punto de partida das xornadas náuticas compartidas por Vila Nova de Cerveira e Tomiño nos meses de xullo e setembro. Un total de 12 saídas nas que 197 persoas practicaron en embarcacións adaptadas, dúas modalidades de navegación fluvial: o turismo e a orientación inclusiva.  

 Promovida conxuntamente pola Asociación de persoas con discapacidade Vontade, de Tomiño,  e a  Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira,  esta iniciativa foi unha das vencedoras na edición 2018 do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT).  

 Desde a Asociación Vontade, destacan a participación nos percorridos fluviais de 176 persoas con discapacidade, un 58,38% con discapacidade física e un 30,96% con discapacidade intelectual. “Démoslles ás persoas con mobilidade reducida, unha das poucas oportunidades de deporte e lecer na que a eliminación de barreiras arquitectónicas fíxose realidade”, explican. As xornadas de navegación serviron, ademais, para coñecer o patrimonio cultural e fluvial do río Miño  e probar a capacidade de coordinación e traballo en equipo das persoas participantes. 

 A segunda fase do proxecto “Náutica para todas as persoas” prevé a divulgación da práctica do remo en cinco centros de educación primaria e no Instituto Antón Alonso Ríos de Tomiño, nos meses de outubro e novembro.  

 Doutro lado da raia, a Associação Desportiva e Cultural da Juventude de Cerveira será a encargada  de promover a práctica do remo entre os estudantes da Eurocidade, recentemente constituída, mediante a presentación dos ergómetros e a aprendizaxe do seu uso, nos centros de ensino de primaria e secundaria.  

 En breve, organizarase unha competición transfronteiriza entre os tres mellores clasificados dentro de cada categoría, tanto feminina, coma masculina.  

 O OPT forma parte da Axenda Estratéxica de Cooperación Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.

LABORAL

O persoal de elaborados do mar protestará ante as oficinas da patronal Conxemar na primeira xornada de folga

· A folga está convocada para os 22, 24 e 25 de outubro ante a ruptura de negociacións do convenio 

Xabier Aboi, da CIG-Mar
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 Traballadoras/es do sector dos produtos elaborados do mar concentraranse este luns 22 ás 11:00 horas, ante as oficinas da patronal Conxemar, en Vigo, na primeira xornada de folga en demanda dun convenio digno que poña fin aos históricos baixos salarios e precariedade. A convocatoria, que ten lugar tras a ruptura de negociacións co empresariado, terá continuidade os vindeiros 24 e 25 de outubro.  

 A primeira xornada de folga no sector de elaborados do mar dará inicio na madrugada do luns con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos. Así, e segundo informa CIG-Mar, na comarca de Vigo desprazaranse desde as 23:00 horas do domingo ao inicio da quenda de noite en Pereira, para desprazarse ás 04:30 h., a outras factorías como Fandicosta ou Mascato.  

 No caso de Pontevedra, comezarán ás 04:00 da mañá desde Numarsi, no polígono de Campañó, e máis tarde irán até o porto de Marín para informaren as traballadoras/es en GPS ou Cabomar.  

 Máis tarde, ás 11:00 horas, concentraranse ante as oficinas da patronal Conxemar, na Avenida Beiramar 29, en Vigo.  

Por un convenio digno  

 Xabier Aboi, da CIG-Mar, lembra que unhas sete mil persoas traballan neste sector en Galiza, un 80% mulleres, con salarios moi baixos e unha precarización crecente. Insiste en que o convenio estatal de produtos elaborados do mar, que expirou en 2015, é “o peor de todo o ámbito da alimentación”. Unha situación tolerada durante anos por CCOO e UGT e que aumentou en capacidade reivindicativa tras acadar a CIG un 40% de representatividade sindical no noso país.  

 Unha das demandas principais é a do aumento salarial, xa que desde 2010 perderon poder adquisitivo ao non acadar sequera o incremento do IPC, empobrecendo unhas nóminas propias de “man de obra barata” que en moitos casos non chegan a mileuristas.  

 No tocante á recuperación de dereitos esixen limitar o traballo temporal e evitar a implantación de novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Denuncian casos de centros de traballo nos que hai tres veces máis traballadores/as de ETT que contratados pola empresa principal, ou industrias onde operan até tres ETTs diferentes.  

 Alén diso, lembran nas condicións duras de traballo no sector, que decorre en ambientes moi húmidos e fríos, a velocidades de vertixe. É por iso que se reivindica un plus de refrixeración, así como outros pluses para traballos especiais.  

 A CIG-Mar reivindica un convenio galego  

 A CIG-Mar continúa a reivindicar, pola súa banda, a necesidade estratéxica de contarmos cun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Enfatiza, ademais, o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galiza e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

PATRIMONIO

REMATARON OS TRABALLOS DE CONSOLIDACIÓN DA ZONA REESCAVADA NO POBOADO MERGELINA, NO MONTE SANTA TREGA

Vista do poboado Mergelina, na aba do monte Santa Trega, correspondente a Camposancos 
Foto: José Fernando Martínez Martínez

José Fernando Martínez Martínez / Camposancos

 Onte día 19 de outubro de 2018 terminaron as obras de consolidación do barrio de Mergelina da Citania do Trega en Camposancos. 

 Dende o ano 2015 a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de A Guarda e a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, ven facendo un importantísimo traballo en dúas fases con un gran orzamento económico, primeiro de escavacións e agora de consolidación que onte mismo o equipo de restauradores rematou con un resultado expectacular. 

 Agora queda pendente unha terceira fase que será a de musealización, e será Fomento quen se faga cargo do investimento necesario. 

 Nos coidamos que sería necesaria una cuarta fase para unir este barrio con o de Calvo e sexa fácil entender que non son dous poboados distintos.

A GUARDA

PATRIMONIO

Remataron ás escavación das salinas romanas do Seixal - Congrido

· O proxecto Mar de Sal ten un carácter bianual polo que no 2019 se levarán adiante outras iniciativas como a musealización do xacemento

Dous arqueólogos informaron in situ as persoas participantes na visita guiada na tarde do pasado xoves día 18 de outubro, as salinae do Seixal-Congrido (A Guarda)
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello da Guarda informa que hoxe remataron os traballos previstos no proxecto “A Guarda, Mar de Sal” de escavación das salinas bimilenarias do Seixal - Congrido, e, seguindo indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio, procedeuse á cubrición do xacemento con fibra xeotéxtil para evitar o seu deterioro. Próximamente, unha vez que arqueológos e restauradores valoren e decidan o xeito máis axeitado de intervención, procederase á súa restauración e consolidación definitiva.   

A MUSEALIZACIÓN DO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO EN 2019

Na imaxe algúns dos arqueólogos cando estaban desenvolvendo seu traballo na zona do Seixal-Congrido

 O proxecto Mar de Sal ten un carácter bianual polo que no 2019 se levarán adiante outras iniciativas como a musealización do xacemento e se publicarán os resultados das investigacións iniciadas.   

 "Dende o Concello da Guarda queremos agradecer a dedicación e entusiasmo mostrado polo numeroso equipo de arqueólogos e alumnos en prácticas de diversas universidades de Coimbra, Vigo e Santiago que fixeron posible que, nun curto espazo de tempo, A Guarda poda coñecer un pouco mellor o seu pasado romano", sinlaron desde o executivo municipal.  

 Como xa temos informado oportunamente neste xornal dixital, «A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se levará a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de Brais Currás.  

 O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un  medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.   

 O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.   

 O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68€, repartidos en dúas anualidades(2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.

Artigos relacionados.

A GUARDA

Tecnoimaxín achegará interesantes charlas e conferencias sobre emprego e formación

Do 25 o 27 de outubro 2018

Infogauda / A Guarda

 A Guarda acollerá do 25 ao 27 de outubro as xornadas de formación, empregabilidade e tecnoloxía Tecnoimaxín, que este ano contará con charlas e conferencias de especialistas do sector, que falarán sobre todas as novidades e as súas experiencias no mundo empresarial, amosando a todos os asistentes informacións relevantes para a posta en marcha de proxectos empresariais.

 O programa da Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín terá inicio na xornada do xoves día 25 ás 10:00 horas, cun acto inaugural no que se contará coa asistencia do delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes e demais convidados.

 Na tarde do xoves día 25 contarase cunha interesante charla sobre os proxectos que actualmente se realizan dende o Consorcio da Zona Franca de Vigo, contando con Débora Ramonde, Directora de Zona Franca e Explotación Inmobiliaria de Vigo, que a partires das 18:30h falará sobre os programas de apoio ao emprendemento «Via Galicia» e tamén dos programas de apoio á internacionalización das Pymes «Via Exterior». Proxectos que contan cunha gran acollida e que teñen xa axudado a moitos emprendedores na creación de empresas e no seu salto ao mercado internacional.

A  continuación, dende ás 19:00h, Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de persoas Schibsted Spain, pechará esta primeira xornada cunha ponencia sobre «A felicidade nas novas organizacións». Jaume Gurt falará sobre como sobrevivir nos retos da era dixital, transformando a súa cultura, o seu estilo de liderazgo, a súa forma de organizarse, os seus procesos e ás propias persoas. Empoderándoas para poder ser as súas mellores versións individuais, dentro de equipos unidos e compenetrados que logran resultados excelentes.

 Na tarde do venres día 26 ás 16:00 horas a Escola Superor Gallaecia será a encargada da realización dunha charla sobre «Tecnologia vs Arte – Vídeo 360º», a cargo de Emília Simão e Samuel Barbosa - Profesores de Multimédia e Artes da Escola Superior Gallaecia e Ensino Universitário. 

 A Escola Superior Gallaecia é recoñecida pola esixencia, calidade e rigor na formación dos seus diplomados e pola investigación, neste caso misturando a tecnoloxía e a arte, cun proxecto que engloba a gravación de imaxes en 360º, unha técnica de vídeo novidosa para amosar a arte dun xeito diferenciador.

 Para rematar esta segunda xornada da Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín, ás 17:30 horas, Brais X. Currás doutor en Arqueoloxía, e Mar Cortegoso licenciada en Historia, falarán sobre «Transferencia e innovación: as paisaxes do sal como recurso económico». Veñen de rematar recentemente a primeira parte do Proxecto «A Guarda, Mar de Sal», onde grazas aos seus traballos constatouse que as salinas do Seixal forman parte do maior complexo de explotación do sal mariño ata agora documentado de todo o Imperio Romano.  

 O proxecto «A Guarda, Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.

 O sábado pola mañá o grupo Randstad, empresa líder en traballo temporal e recursos humanos, realizará unha recollida de CV´s para as súas bases de datos para posibles vacantes nos diferentes postos que ofertan na actualidade.

 A Feira do Emprego e Formación Tecnoimaxín chega un ano máis á Guarda para desenvolver unha ampla programación de actividades ao longo de 3 días, un evento dirixido a estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño.

 O proxecto conta cunha páxina web na que se irá ampliando informacións de interese sobre este Feira do Emprego e Formación, que aspira a converterse nunha cita obrigada para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial.

PROGRAMA TECNOIMAXÍN – CONCELLO DA GUARDA

XOVES 25 OUTUBRO

MAÑÁ
Acto inaugural – 10:00 horas
David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo

OBRADOIRO 10:15 – 13:00 horas
Competencias emocionais para afrontar un futuro laboral dixitalizado
Gema Sánchez- Cabezudo
Coach, formadora e Psicopedagoga


TARDE

18:30 – Proxectos da Zona Franca de Vigo
Débora Ramonde - directora de Zona Franca e Explotación Inmobiliaria de Vigo

19:00 a 20:30  A felicidade nas novas organizacións
Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de persoas Schibsted Spain (formada polas marcas InfoJobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios)
Autor Blog Un Ceo sin corbata


VENRES 26 OUTUBRO

FEIRA MAKER ( feira de tecnoloxía, robótica, ...)
Conferencia/exhibición 10:00/12:00 Robótica de competición e formación por OPRobots
Manuel Rodríguez (técnico de hardware de OPRobots) e Alejandro Santos (técnico de Software de OPRobots). Contarán con robots durante todo o día no seu stand

12:30 / 13:30
Óscar Rodríguez, coordinador xeral de Ledisson Ait, programación robótica,
A DISRUPCIÓN LABORAL: UNHA VERDADE INCÓMODA
Novos perfiles, actitudes, aptitudes nos novos entornos laborais

TARDE

16:00-17:30 ESCOLA SUPERIOR GALLAECIA
Emília Simão & Samuel Barbosa - Profesores de Multimédia e Artes da Escola Superior Gallaecia | Ensino Universitário
Tecnologia vs Arte - Vídeo360º

17:30-18:00 Transferencia e innovación: as paisaxes do sal como recurso económico
Brais X. Currás, doutor en Arqueoloxía e Mar Cortegoso, licenciada en Historia


SÁBADO 27 DE OUTUBRO

DURANTE TODA A MAÑÁ 10:00 / 14 horas
Feira de empresas
11:00/12:00 Nova perspectiva nos Recursos humanos, unha mirada sensible na era tecnolóxica
María Caeiro, conselleira delegada Grupo Caeiro
Vicepresidenta de M. Caeiro S.A.

Presentacións das empresas: empresas da comarca cun rasgo innovador
Conduce Susana Rodríguez
Coach e psicóloga social

TURISMO

A directora de Turismo, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves inauguraron a mostra que poderá verse ata novembro no Museo do Mar 

A exposición ‘Via Iacobitana’ chega a Vigo para celebrar o ano do Camiño Portugués da Costa, que xa duplica o número de peregrinos 

No seu compromiso por priorizar os investimentos nun itinerario por ano, a Consellería de Cultura e Turismo está a poñer a punto esta ruta con diversas actuacións ás que se suman numerosas iniciativas de dinamización cultural

A mostra está composta por medio cento de pezas dos fotógrafos galegos Tino Viz, Luis Gabú e Santi López e poderá visitarse ata o mes de novembro

A directora de Turismo, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves inauguraron a mostra que poderá verse ata novembro no Museo do MarA directora de Turismo, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves inauguraron a mostra que poderá verse ata novembro no Museo do Mar

Infogauda / Vigo

 A cidade de Vigo, unha das localidades polas que atravesa o Camiño Portugués da Costa, acolle desde onte e ata o 25 de novembro Via Iacobitana, Os Camiños de Santiago en Galicia, a nova mostra fotográfica que foi inaugurada no Museo do Mar pola directora da Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves.  

 A exposición, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, enmárcase nas actividades programadas este 2018, o Ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa en base ao calendario do Plan director do Camiño de Santiago. Un ano, ademais, no que o Camiño Portugués da Costa está a amosar a súa vitalidade xa que, cun balance de máis de 12.000 peregrinos no que vai de ano, está a duplicar os rexistros de 2017.  

 Para continuar contribuíndo á súa promoción, xunto aos traballos de acondicionamento, conservación e mantemento do seu patrimonio estanse a programar diversas actividades culturais ás que se suma Vía Iacobitana, unha nova expresión da creatividade contemporánea vinculada á cultura xacobea. Os fotógrafos galegos Tino Viz, Luis Gabú e Santi López transfórmanse en eventuais peregrinos amosando a súa particular visión as sensacións persoais que lles suxire a ruta elixida. A exposición poderá verse no Museo do Mar de martes a venres de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas e as fins de semana de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 horas. 

Máis de 2,4 millóns de euros 

 Como explicou Nava Castro, a mostra forma parte do compromiso do Goberno galego por garantir a promoción, divulgación, conservación e mantemento de todos os itinerarios oficiais en Galicia para acadar un Camiño de Santiago “conservado, dinámico, vivo” e para respostar á súa crecente internacionalización e diversificación coa vista no Xacobeo 21.  

 Neste sentido, o Goberno autonómico conta durante todo este ano cun orzamento total de 2,4 millóns de euros para acondicionar e sinalizar o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa. Tamén se traballa na mellora da atención aos peregrinos coa posta en marcha de novas infraestruturas como o albergue de peregrinos no barrio do Berbés en Vigo no que a Xunta continúa a avanzar e que será o primeiro construído polo Goberno autonómico neste itinerario tras oficializarse como ruta xacobea.