20 de out. de 2018

TURISMO

A directora de Turismo, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves inauguraron a mostra que poderá verse ata novembro no Museo do Mar 

A exposición ‘Via Iacobitana’ chega a Vigo para celebrar o ano do Camiño Portugués da Costa, que xa duplica o número de peregrinos 

No seu compromiso por priorizar os investimentos nun itinerario por ano, a Consellería de Cultura e Turismo está a poñer a punto esta ruta con diversas actuacións ás que se suman numerosas iniciativas de dinamización cultural

A mostra está composta por medio cento de pezas dos fotógrafos galegos Tino Viz, Luis Gabú e Santi López e poderá visitarse ata o mes de novembro

A directora de Turismo, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves inauguraron a mostra que poderá verse ata novembro no Museo do MarA directora de Turismo, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves inauguraron a mostra que poderá verse ata novembro no Museo do Mar

Infogauda / Vigo

 A cidade de Vigo, unha das localidades polas que atravesa o Camiño Portugués da Costa, acolle desde onte e ata o 25 de novembro Via Iacobitana, Os Camiños de Santiago en Galicia, a nova mostra fotográfica que foi inaugurada no Museo do Mar pola directora da Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves.  

 A exposición, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, enmárcase nas actividades programadas este 2018, o Ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa en base ao calendario do Plan director do Camiño de Santiago. Un ano, ademais, no que o Camiño Portugués da Costa está a amosar a súa vitalidade xa que, cun balance de máis de 12.000 peregrinos no que vai de ano, está a duplicar os rexistros de 2017.  

 Para continuar contribuíndo á súa promoción, xunto aos traballos de acondicionamento, conservación e mantemento do seu patrimonio estanse a programar diversas actividades culturais ás que se suma Vía Iacobitana, unha nova expresión da creatividade contemporánea vinculada á cultura xacobea. Os fotógrafos galegos Tino Viz, Luis Gabú e Santi López transfórmanse en eventuais peregrinos amosando a súa particular visión as sensacións persoais que lles suxire a ruta elixida. A exposición poderá verse no Museo do Mar de martes a venres de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas e as fins de semana de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 horas. 

Máis de 2,4 millóns de euros 

 Como explicou Nava Castro, a mostra forma parte do compromiso do Goberno galego por garantir a promoción, divulgación, conservación e mantemento de todos os itinerarios oficiais en Galicia para acadar un Camiño de Santiago “conservado, dinámico, vivo” e para respostar á súa crecente internacionalización e diversificación coa vista no Xacobeo 21.  

 Neste sentido, o Goberno autonómico conta durante todo este ano cun orzamento total de 2,4 millóns de euros para acondicionar e sinalizar o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa. Tamén se traballa na mellora da atención aos peregrinos coa posta en marcha de novas infraestruturas como o albergue de peregrinos no barrio do Berbés en Vigo no que a Xunta continúa a avanzar e que será o primeiro construído polo Goberno autonómico neste itinerario tras oficializarse como ruta xacobea.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario