15 de maio de 2018

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A COMUNIDADE DE MONTES DE CAMPOSANCOS CONMEMORA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Os comuneiros relembrarán a María Victoria Moreno e tributaranlle unha homenaxe póstuma a D. Nicolás Gutiérrez Campo




Infogauda / Camposancos

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos informa da programación para festexar o día das Letras Galegas.

 Este sábado, 19 de maio as 20:30, a Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos acollerá un acto con motivo da celebración das Letras Galegas. Sabela Rodríguez Jardón (ensinante xubilada), fará unha sembranza de María Victoria Moreno Márquez, figura central da conmemoración das Letras Galegas, neste 2018.   

 “A Comunidade de Camposancos - dixo José Fernando Martínez Martínez a este xornal dixital -, queremos homenaxear a D. Nicolás Gutiérrez Campo que foi mestre durante anos no colexio público de A Guarda, a vez que foi Secretario da Entidade Local Menor de Camposancos dende o ano 1947 ata o 1949, e primeiro presidente da reconstituida Entidade Menor dende no 1964. O seu neto Xosé Manuel Malheiro será quen nos falará de tan ilustre persoeiro.   

 A fadista Madalena Gamalho interpretará fados, acompañada á guitarra por Bieito Solo. 

 Estes actos están organizados pola Xunta Reitora de Comunidade de Montes de Camposancos.

 Entrada totalmente de balde ata completar aforo.


Nicolás Gutiérrez Campo (Segovia,1909-A Guarda, 1964)
  
Nicolás Gutiérrez Campo
Foto: Arquivo familiar

Nicolás Gutiérrez Campo naceu en Segovia, o 13 de outubro de 1909, no número catro da rúa Doctor Pichardo, onde a súa familia residía naquel momento. O seu pai, Sadot Gutiérrez, casado con Anastasia Campo, era funcionario xefe de prisións, e esa circunstancia obrigouno a pasar por diversos destinos antes de recalar definitivamente en Béjar. Alí permaneceu o resto da súa infancia e xuventude, na vivenda familiar dentro do vello caserón do cárcere, hoxe convertido no Consistorio e Casa de Cultura. En Béjar realizou os estudos primarios e medios no Colexio Salesiano, examinouse de Bacharelato en Ávila en xaneiro de 1928, e continuou estudos de Maxisterio, matriculado por libre na Universidade de Salamanca, obtendo o título en 1930.

Debuxo ao carboncillo da autoría de D. Nicolás Gutiérrez Campo, datado en decembro de 1934
Arquivo familiar

    Despois de rematar a carreira e de opositar en Madrid en 1931, obtén o seu primeiro destino en Galicia, onde ocupou sucesivas prazas, en curtas estancias, ata a súa depuración tras o 18 de xullo de 1936. Sen datos fiables que poidan documentar con certeza estas estancias, parece probable que a primera fose no concello de O Covelo; de aí pasou a Cortegada, seguidamente Codeseda, na Estrada e o seu último destino antes da guerra foi a parroquia viguesa de Zamáns. Alí permaneceu desde setembro de 1932 ata finais do curso 1935-1936.

Naquela época, e a través do seu amigo Pedro Caselles vai coñecer a outra mestra, Ana Marina Melero Fernández, natural de Camposancos, coa que acabaría casando despois dalgún tempo de noivado. A voda celebrouse o 20 de xullo de 1936, dous días antes que o xeneral Franco dera un golpe de Estado que desembocaría na guerra civil.

Nicolás Gutiérrez e Ana Marina Melero, xa casados, teñen que alterar os plans de futuro previstos para iniciar unha vida moi diferente, a causa da guerra e á depuración política. O mestre destituido arranxa un traballiño como contable de “Los Castellanos”, unha empresa familiar que rexentaba unha fábrica de xabóns e unha tenda de produtos coloniais en Pontevedra, na rúa García Camba, que deixa pouco tempo despois, ao ser recrutado para marchar á fronte da guerra. Rematada a guerra trasládase a Valencia coa súa muller e a primeira filla aceptando a oferta do industrial guardés Eloy Domínguez. Un xesto que a parella había lembrar con gratitude e agradecemento o resto da vida. En Valencia permanece a familia até a súa reincorporación, logo de varias reclamacións formuladas ao Tribunal de Reposición de Recursos. Entretanto, van nacendo os restantes fillos: María Jesús, José Florencio e Joaquín Ramón.

    Desde a rehabilitación até a súa morte en 1964, Nicolás Gutiérrez dedicouse por enteiro ao ensino e á familia. Reincorpórase ao ensino na escola graduada de A Guarda, un edificio destartalado que compartía cos mestres Víctor Touriño López e Martín Álvarez Álvarez. Este encargábase dos alumnos máis cativos, Touriño dos cursos medios e Nicolás Gutiérrez dos maiores. A finais dos anos sesenta, aquela escola foi derrubada para construir o Grupo Escolar Rodríguez Sinde.

    El e Marina tiñan que sacar adiante catro fillos co cativo salario do maxisterio da posguerra. Na súa bibicleta subía a diario desde a casa familiar, preto do vello colexio dos xesuítas, cara a escola nacional. Alí permanecía a xornada completa, onde complementaba os seus ingresos de mestre con clases particulares para preparar aos bachareis que ían examinarse ao Instituto Santa Irene; tamén ás xentes modestas que tomaban o camiño da emigración, ou aos mozos do barrio da Mariña que precisaban tirar un título oficial para enrolarse nos buques pesqueiros.

Fóra do ámbito escolar, Nicolás Gutiérrez ocupou o cargo de presidente da Entidade Local Menor de Camposancos entre xuño de 1963 e outubro de 1964, data na que decidiu demitir. Morrería dous meses máis tarde, o 9 de decembro de 1964.

Como quedou reflectido na Acta da sesión extraordinaria celebrada o día 10 de decembro de 1964 na Entidade Local Menor de Camposancos, redactada por algúns dos seus compañeiros, alí o definiron como “home de clara e sólida mentalidade na que o sentido do ben e da xustiza, da bondade e da dignidade se manifestaron ininterrumpidamente durante toda a súa vida, tanto pública como privada, a través da súa proverbial humildade; mestre nacional exemplar, tanto pola súa preparación intelectual como polas súas dotes pedagóxicas”. Palabras que, sen dúbida, suscreben os seus ex-alumnos, os mesmos que nunha mostra de recoñecemento e gratitude promoveron unha entrañable homenaxe na primavera de 1987. Eles quixeron que o grupo escolar recén construido no lugar As Solanas do barrio guardés de Ribadavila se chamara “Nicolás Gutiérrez Campo”.

Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez

A GUARDA

Aberto o prazo para participar na Feira de Artesanía da XXVIII Festa da Langosta 
   
O mercado artesanal celebrarase os días 7 e 8 de xullo e a participación no mesmo será gratuíta
Foto: C. A.G.

Sara Alonso / A Guarda

 O Concello da Guarda organizará a vixésimo oitava edición da Festa da Langosta  e da Cociña Mariñeira os días 6, 7 e 8 de xullo. Como en anteriores edicións, o festexo gastronómico completarase coa celebración da tradicional Feira de Artesanía na rúa do Porto.  

 Os artesáns e as artesás interesadas en participar deberán enviar a súa solicitude  debidamente cumprimentada, xunto coa documentación especificada nas bases, antes do vindeiro 25 de maio ao correo electrónico turismo@aguarda.es. 

 O mercado artesanal celebrarase os días 7 e 8 de xullo e a participación no mesmo será gratuíta. Para máis información, as persoas interesadas poderán achegar á Oficina de Turismo do Concello da Guarda (Praza do Reló, s/n), chamando ao teléfono 986 614 546 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

A GUARDA

A OMIX impulsa un novo obradoiro creativo de elaboración de selos estampables

O taller estará dirixido polo artista plástico Alfonso Vicente Rey


Infogauda / A Guarda

 A Oficina de Información á Xuventude (OMIX) do Concello da Guarda organiza un obradoiro creativo de iniciación ao gravado en relevo e creación de selos estampables para o vindeiro 26 de maio.  

 Os e as participantes poderán iniciarse na técnica básica de tallado e estampaxe manual, aplicada á creación de selos personalizados. O taller estará dirixido polo artista plástico Alfonso Vicente Rey e impartirase no Centro Cultural entre as 10:30 e as 13:30 horas.  

 As persoas interesadas nesta actividade poderán solicitar máis información e inscribirse na OMIX, chamando ao teléfono 986 614 546 ou a través do correo electrónico informacion@aguarda.es.

A GUARDA

«Comercio innova» arrinca esta semana  con 8 establecementos participantes  

O programa de innovación comercial desenvolverase ata finais de xuño coa implantación dun plan de mellora individualizado  


Sara Alonso / A Guarda

 A campaña de dinamización comercial «Comercio innova», impulsada polo Concello da Guarda, comeza esta semana a traballar con establecementos comerciais da vila co obxectivo de axudalos a optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.   

 «Comercio innova» defínese como un programa de acompañamento para a innovación dirixido ao pequeno comercio local. A través deste proxecto, os comercios adheridos poderán participar nun plan de acción individualizado no que contarán co asesoramento dunha experta, que avaliará e deseñará un plan de acción á medida da situación e realidade de cada negocio.  

 Un total de 8 establecementos comerciais -dedicados á venda de produtos téxtiles, informáticos ou farmacéuticos, entre outros- participan nesta primeira edición do proxecto, que comeza estes días a desenvolver a primeira das súas tres fases principais. Neste punto, os negocios participantes no programa recibirán a visita dun «cliente misterioso» que valorará aspectos como a imaxe da tenda, a benvida ao cliente ou a calidade do servizo.   

 A raíz desta primeira toma en contacto e durante a vindeira semana, a consultora Mariem Filgueira realizará un encontro con cada un dos comerciantes, na que analizarán de forma conxunta aspectos como o control de gastos, o impacto da imaxe de marca e a adecuación dos produtos ou servizos ofrecidos ás necesidades do entorno. Este análise servirá de base para o establecemento dun plan de acción, do que se fará seguimento intensivo durante un mes.  

 A finais de xuño, os responsables dos comercios participantes e a consultora valorarán o impacto das medidas de mellora e optimización adoptadas. 

 Nesta derradeira fase de avaliación, poderán achegarse novas fórmulas para acadar os resultados desexados, de xeito que os e as participantes podan seguir mellorando o seu negocio tras a finalización do programa.  

 Esta primeira edición de «Comercio innova» rematará o 27 de xuño coa celebración dunha mesa redonda na que todos os establecementos participantes poderán compartir a súa experiencia e valorar os seus resultados. A campaña contará co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos 2018. 

A GUARDA

UN COIDADOR: DÚAS VIDAS

Obradoiro para coidadores familiares de persoas con Alzheimer e outras demencias


O BAIXO MIÑO

LINGUA

"Galeguiza o teu nome, restaura o teu apelido"     

Termos os nomes e apelidos na nosa lingua, non só reflicte de onde somos senón tamén o que somos, galegas e galegos cunha historia e unha traxectoria cultural de centos de anos  

Militantes e concelleiros do BNG no Baixo Miño veñen de participar na campaña  para galeguizar o  nome e apelido

Infogauda / O Baixo Miño

 Ante a celebración do 17de  maio, Día das Letras Galegas, o BNG inicia a campaña de galeguización dos nomes e restitución dos apelidos.  

 Militantes e concelleiros do BNG no Baixo Miño veñen de participar na campaña para galeguizar o  nome e apelido. O portavoz municipal do BNG na Guarda, Anxo Luis Baz animou á veciñanza a facer un esforzo para acabar coas alteracións sobre os apelidos e nomes galegos. A campaña do BNG busca a recuperación dalgunhas das nosas señas de identidade deturpadas como os nomes propios e apelidos. 

 Xosé Martínez "Tato", concelleiro do BNG en Tui  remarcou que a campaña nacionalista, libre e voluntaria non impón nada nin obriga a ninguén, só pretende que impere a cordialidade e o sentido común. Tato lembrou que durante o período franquista resultaba impensable inscribir os nomes en galego , pero na actualidade, os trámites son moi doados.   

 Para galeguizar o nome e apelidos só é preciso solicitar unha partida de nacemento e mudar o nome  no rexistro civil onde figuramos inscritas. O BNG pon a disposición de todas as persoas interesadas a información sobre os trámites necesarios para galeguizar o nome e apelido a través da web bng.gal.  


 Por outra banda, o BNG no Baixo Miño, fai un chamamento a todas as veciñas e veciños da comarca a secundar a mobilización convocada pola plataforma "Queremos Galego" o dia 17 de maio, ás 12 horas desde a alameda de Compostela. Sairán autobuses desde o Baixo Miño con paradas na Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, cómpre reservar praza no: 616 090 632/986 610 465 (tarifa: 5€/persoa, agás desempregad@s de balde).   

 A manifestación de "Queremos Galego", será un acto festivo e reivindicativo a favor da lingua galega. Participarán centos de colectivos e entidades de ámbitos moi diversos que teñen en común a defensa da nosa lingua porque o galego é  o elemento que nos une.

CULTURA

‘Costiña’: a memoria fotográfica da Guarda desde o Proxecto Socheo na Televisión de Galicia

Proxecto Socheo 

 O Zigzag da Televisión de Galicia dedicou un programa á presenza da exposición sobre Joaquín García Portela “Costiña” no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Ademais de gravar a mostra, entrevistou no estudio a Beli Martínez, quen relatou as vicisitudes que levaron a atopar e restaurar as películas do autor guardés e as súas características.  

 Camiños da Imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela poderá visitarse no Museo do Pobo Galego ata o 10 de xuño. 

 Dende Proxecto Socheo queremos agradecer, de novo, a xenerosidade da familia de Costiña e o interese de tanta xente polo noso traballo.  

ARCOS DE VALDEVEZ

Arcos à Mesa : Bacalhau à Lavrador



María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 Nos dias 19 e 20 de maio Arcos de Valdevez volta a trazer às mesas dos restaurantes arcuenses um prato de eleição da região. 

 Depois do Cabrito, a iniciativa Arcos à Mesa traz o “Bacalhau à Lavrador”. Um prato que está associado ao mês de maio e às lavradas, altura em que o lavrador, acompanhado de toda a família, se dirige ao campo e consigo leva o arado, a grade, o timão, as sementes, a cabaça com o vinho e o cesto da indispensável merenda.  

 A acompanhar esta iguaria estarão os excelentes vinhos verdes de produtores e engarrafadores locais, bem como os doces da região, os quais certamente trarão à região os amantes da boa comida e da boa mesa, dada a originalidade e sabor únicos destas iguarias regionais.  

 Este fim-se-semana será mais uma oportunidade única para fazer um roteiro gastronómico singular e genuíno pelos sabores tradicionais de Arcos de Valdevez, contando com a participação de 15 restaurantes aderentes. A animação não foi descurada, estando agendada a realização da “Feira de Artesanato e Mercado de Sabores”, onde os visitantes poderão encontrar artigos de artesanato e produtos locais, a iniciativa Rota dos Vinhos de Arcos de Valdevez, a realização de trilhos pedestres, momentos musicais com a atuação de rusgas, cantares ao desafio e espetáculos na Casa das Artes.  

 Restaurantes aderentes: A FLORESTA | CANTINHO DO ABADE | CENTRO DE PROMOÇÃO E VALORIZAÇÃO DOS PRODUTOS LOCAIS DA PORTA DO MEZIO | CHURRASQUEIRA DO MERCADO | CHURRASQUEIRA PONTE NOVA | D. ISABEL | ESPIGUEIRO DO SOAJO | FORAL DE VALDEVEZ | MANJAR DAS HORTAS | O BARRIGUINHAS | O LAGAR | O POTE | O VIDEIRA | SABER AO BORRALHO | RECANTO DO CASTELO

PROGRAMA
19 de Maio  |  Sábado
10h00 - Abertura “Mostra de Artesanato e Mercado de Sabores”
            - Campo do Trasladário
10h00 - * Rota dos Vinhos de Arcos de Valdevez
                *Inscrições na Loja de Turismo, Tlm. 934 901 967 | Email. Vinhos.avvez@gmail.com
15h30 - Rusgas Populares - Campo do Trasladário
22h00 – Música/vocal acapella: VOZES DA RÁDIO – Auditório da Casa das Artes  |  (Compra e reservas de ingressos: 258 520 520 | Preço único: 3.00€)

20 de Maio |  Domingo
09h00  – “12 Trilhos 12 Experiências" - Trilho nas brumas da Montanha             
Ponto de  Encontro: Porta do Mezio
            - Inscrições: www.portadomezio.pt / 258 510 100 / portadomezio@ardal.pt

10h00 - Abertura da “Mostra de Artesanato e Mercado de Sabores”
             - Campo do Trasladário
15h30 – Cantares ao Desafio “Carlos Soutelo e Amigos”
               Campo do Trasladário
18h00 - Encerramento da Feira dos Produtos: “Mostra de Artesanato e Mercado de Sabores”
            - Campo do Trasladário

CULTURA

PRESENTACIÓN DE GABRIEL MULEIRO OLIVOS EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Mércores 16 de maio de 2018, ás 19:00 horas, no Museo do Pobo Galego

Entrada libre


Infogauda / Santiago de Compostela

 Como parte das actividades organizadas no Museo do Pobo Galego na semana das Letras Galegas e dos Museos, o escritor e gañador da bolsa da Xunta de Galicia para galegos que viven na diáspora Gabriel Muleiro Olivos ofrecerá unha lectura literaria.

 “Difundir la cultura desde cualquier trinchera, desde cualquier punto cardinal es una obligación que todo artista debe tener”. Así se presenta o escritor, un dos fundadores da revista cultural mexicana Belerofonte, que sempre se caracterizou por ser un gran difusor das artes en todas as súas expresións. 

 Para Gabriel Muleiro volver ás raíces éncheo de nostalxia e de entusiasmo. Seu avó paterno saíu desta terra nos anos en que a ditadura asolaba esta parte do mundo: 

 “No puedo dejar de pensar en los grandes periplos causados por las guerras y hambrunas que llevaron a nuestros antepasados a tierras ajenas, tierras que los recibieron, y que sólo en un instante se volvieron suyas. De sus descendientes, nosotros, los que vivimos nuestro primer amanecer a la distancia, nacimos a la luz del sincretismo, esa condición nos hace tener una concepción distinta de Galicia, de España y del mundo. Al volver, las piezas de la identidad se reconstruyen y sobre nuestros hombros, el eco de los pasos de los abuelos y padres retumba de nuevo. Representamos el retorno de los que se fueron, de los que ya no están. Zygmunt Bauman decía que vivimos en una ‘época líquida’, donde todo fluye tan rápido que se corre el incesante riesgo de olvidar cada recuerdo. Nosotros, los que volvemos, somos el recuerdo de un pasado que se vuelve presente, a manera de testimonio”. 

 Gabriel Muleiro presentouse na Casa del Lago, Biblioteca José Vasconcelos, Biblioteca de México e no Museo Nacional de las Artes da Cidade de México. A intervención no Museo do Pobo Galego consistirá na lectura dunha selección de textos da súa autoría, na que estará acompañado polo músico galego Iago Verde Vázquez. É un acto de acceso gratuíto ao que todo o público está cordialmente convidado.

PONTEVEDRA

A GUÍA DE ESPAZOS PÚBLICOS E MOBILIDADE AMABLE CONSOLÍDASE COMO UN REFERENTE ANTE TÉCNICOS E POLÍTICOS DE TODA GALICIA E DO ESTADO  
A Deputación de Pontevedra recolle na publicación os criterios que rexerán os case 2.000 proxectos que executará antes de final de mandato e insta aos gobernos locais a aplicar o modelo de forma sistemática  

O enxeñeiro Fernando Nebot defende a recuperación do espazo público e o vicepresidente Mosquera cifra como obxectivo acadar o 50% para as persoas  

Na xornada estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, acompañados do autor da guía, o enxeñeiro Fernando Nebot, así como doutro persoal técnico provincial e municipal que contribuíron á súa redacción: o asesor Jesús Fole; o enxeñeiro municipal de Pontevedra, Jesús Gómez Viñas; e o técnico provincial Óscar Baltar.
Fotos: D. P.  

Infogauda / Pontevedra

 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra reuniu hoxe no Pazo Provincial a máis de 120 representantes de concellos, consultoras, construtoras, colectivos, asociacións, representantes de outras deputacións galegas e membros da Asociación Española de la Carretera na súa presentación da ‘Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable’, un documento que pretende servir como referencia para o tratamento de espazos públicos no só no eido provincial, senón tamén municipal, autonómico e estatal. Na xornada estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, acompañados do autor da guía, o enxeñeiro Fernando Nebot, así como doutro persoal técnico provincial e municipal que contribuíron á súa redacción: o asesor Jesús Fole; o enxeñeiro municipal de Pontevedra, Jesús Gómez Viñas; e o técnico provincial Óscar Baltar.  

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra reuniu hoxe no Pazo Provincial a máis de 120 representantes de concellos, consultoras, construtoras, colectivos, asociacións, representantes de outras deputacións galegas e membros da Asociación Española de la Carretera na súa presentación da ‘Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable’

 Segundo explicou o deputado de Mobilidade a xornada sobre a ‘Guía de espazos públicos’ pretendía explicar punto por punto os contidos da documento e poñer en común os plantexamentosda Deputación e a súa Estratexia 3.0 de Mobilidade con todos os que teñen que traballar no territorio da provincia de Pontevedra , executar proxectos e resolver problemas de espazos públicos e mobilidade. “Para nós esta guía vai ser unha guía a través da que imos desenvolver todos os nosos proxectos e aspiramos a que tamén o resto dos concellos poidan así facelo. De feito as bases do Plan DEPORemse puntúan 20 puntos polo cumplimento desta guía, que é moi avanzada , vai moito máis alá de todos os textos elaborados en cando a mobilidade e á prevalencia das persoas. Vai ser un referente, xa o foi cando a presentamos en Valencia no simposio de Vías e Obras das Administracións Locais, onde foi vista por todas as deputacións como un documento moi avanzado e que mesmo está sendo distribuída “, subliñou. 

 Benítez insistiu en que a xornada serviu para tirar moitas conclusións e manifestou que o departamento de Mobilidade está aberto a que se poida elaborar unha nova ediciónno futuro con máis aportacións, xa que segundo destacou, “unha das conclusións máis grandes deste documento é que marca criterios, liñas de actuacións, pero defende que non hai solucións universais, xa que cada técnico ten que adaptar eses criterios ao problema particular que ten que resolver nun espazo ou nunha vía concretamente”.   

 Como exemplos prácticos do texto sobre mobilidade amable, dixo o nacionalista, a guía desenvolve o decálogo de criterios da Deputación en referencia ao largo das beirarrúas ou itinerarios peonís apostando por un mínimo 2,5 metros, que vai máis alá do que marca hoxendía calquera normativa de accesibilidade, con 1,8 m libres. “Para nós é o exemplo máis claro de como se deben facer as cousas porque vimos de 20 anos nos que se leva gastado moito diñeiro público facendo espazos en teoría para as persoas, beirarrúas, con dimensións que nin cumprían criterios de accesibilidade, nin convidaban a favorecer a mobilidade peonil, nin que se deixase de usar o vehículo. Iso marcaba que o prioritario era manter o largo ao vehículo e que a estrada na calzada tivese unhas dimensións, e o secundario eran as persoas. Agora trátase de que sexa ao revés: que o prioritario sexan as persoas, os peóns, por riba dos vehículos e sexan estes os que teñan que adaptarse a situacións das persoas “, finalizou.   

 Un proxecto real e coherente 

 Pola súa parte, a presidenta Carmela Silva asegurou que a guía presentada hoxe trátase dunha “análise rigorosa chea de ideas para cambiar o mundo”.Neste eido, a presidenta da Deputación manifestou sentirse feliz por “ter apostado por un modelo, por unha idea, e convertelo nun proxecto real que está a mellorar a vida das persoas da provincia a través da recuperación do espazo público e da aposta pola mobilidade segura”.   

 Máis polo miúdo, afirmou que “as entidades locais non temos capacidade lexislativa, non podemos impoñer modelos desde o punto de vista lexislativo pero si temos competencias para transformar o espazo público, para devolverlle á xente aquilo que por mor do desenvolvemento económico perdeu”. De feito, e segundo indicou Carmela Silva, “hoxe xa sabemos cales son as cuestións que permiten acadar unha maior seguridade nas infraestruturas, unha mobilidade amable, recuperar os espazos públicos e o que temos que ter é vontade política para converter isto que coñecemos en accións concretas e, neste aspecto, a guía que hoxe presentamos vai servir para que isto sexa así”.  

 O vicepresidente César Mosquera tamén realizou a súa aportación nas xornadas e destacou que a guía aporta ‘coherencia’ á hora de aplicar solucións técnicas para deseñar espazos públicos. Destacou que a día de hoxe parece haber consenso á hora de defender o espazo público como un dereito das persoas e que os peóns teñen prioridade, mais destacou que esas afirmacións teñen que ser defendidas con solucións coherentes. “Antes no espazo público tiña prioridade o coche, e destinábamos a el o 70 % do espazo. Agora que é o peón o importante, xa non digo inverter a porcentaxe, pero si polo menos adicarlle un 50% do espazo público”, destacou. O vicepresidente tamén indicou que na guía apórtase solucións, mais é fundamental ter unha concepción global de cal é o obxectivo final para unha vila ou unha cidade. “As solucións parciais resolven francamente mal os problemas. Danse situacións estrañas que ademais son perigosas e cabrean á xente. Nesta guía está o máis avanzado e destilado das propostas existentes, con incorporacións prácticas concretas e estamos fondamente satisfeitos”, destacou, para engadir que a intención última é “mellorar a calidade de vida das persoas, salvar vidas e salvar feridos polo que se é posible actuar no espazo público de maneira sistemática unificando criterios do modelo da Deputación cos concellos o esforzo feito con esta guía xa pagou a pena”, finalizou. 

 Recuperar o espazo público 

 Pola súa banda, o enxeñeiro Fernando Nebot explicou que a guía é unha compilación de actuacións e criteriosque recolle experiencias prácticas locais galega. Destacou que danse recomendacións de aspectos técnicos que irían máis dirixidos aos profesionais, pero tamén “unha serie de recomendacións que poden interesar ás administracións porque transmiten o concepto de que é preciso recuperar o concepto de algo que sempre existiu: a convivencia entre todas as persoas, tamén cando se desprazan, que uns non exclúan a outros, que o espazo sexa de todos e que a rúa non acabe sendo, como desgraciadamente en moitos lugares rematou sendo, un espazo no que o automóbil marca as súas leis e que reclama o seu espazo -que desgraciadamente é o total e máximo que poida-, excluíndo a marcha a pé, a estancia e o poder deambular e… por suposto, que os nenos poidan xogar na rúa”.  

 En canto aos ‘lombos’, Nebot destacou que na guía expóñense táboas con valores recomendables de pendentes e tipos para os dispositivos de calmado de tráfico, tanto para os pasos de peóns sobreelevados , como para os redutores físicos de velocidade. Subliñou que hai unhas pendentes contrastadas pola experiencia da provincia de Pontevedra e da cidade de Pontevedra e outras cidades españolas. “Podo dicir que os que se propoñen nesta guía son moito máis suaves que os que plantexa o Ministerio de Fomento, por que? Pois porque o que se persegue é implantar estes lombos como un elemento máis dunha política de calmado de tráfico, de crear unha mobilidade amable”, dixo Nebot.

 Evidentemente, subliñou, “o Ministerio de Fomento cando desenvolve a súa guía plantéxaos como elementos de calmado de tráfico só nas súas estradas, non nos núcleos urbanos e polo tanto son de moita máis pendente. Os que aquí se plantexan son moito máis suaves, pero evidentemente, como se consigue unha redución de velocidade? Pois ou cunha pendiente moi alta, que non é recomendable, ou con máis pasos de peóns sobreelevados, de forma que o vehículo non poida incrementar a súa velocidade entre un e outro. Creo sinceramente que son medidas aplicables e que en modo algún van distorsionar a circulación. Ao contrario, van mellorar a vida para o cidadá e para todos”, finalizou.  

 Finalmente, entre as intervencións da mañá tamén estivo a do enxeñeiro municipal de Pontevedra Jesús Gómez Viñas, quen falou da estratexia de mobilidade no Concello de Pontevedra; do enxeñeiro provincial Óscar Baltar, que falou das características técnicas de todos os dispositivos de calmado do tráfico dentro do Plan Móvese; e o asesor provincial Jesús Fole, quen explicou pormenorizadamente as características dos novos proxectos provinciais que se teñen desenvolvido en concellos como o de Sanxenxo (en Luis Rocafort) e dos que se desenvolverán en A Guarda, O Grove, Soutomaior, Baiona, Salceda de Caselas ou na glorieta de acceso de Príncipe Felipe. “Os nosos criterios de mobilidade amable vanse expandir –asegurou- nos case 2.000 proxectos provinciais que se van desenvolver, con máis ou menos orzamento, ata o final de mandato”, destacou.   

VIGO

Persoal dos PAC da área sanitaria viguesa reclámanlle ao Sergas o cómputo de xornada do ano pasado 

Desenvolveron unha mobilización en protesta polo xeito en que se contabiliza o tempo de traballo

Un grupo de profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria viguesa, agrupados/as no colectivo 'PAC´s en pé de guerra', desenvolveu hoxe unha mobilización diante da sede do Sergas en Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Un grupo de profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da área sanitaria viguesa, agrupados/as no colectivo 'PAC´s en pé de guerra', desenvolveu hoxe unha mobilización diante da sede do Sergas en Vigo para rexeitar o xeito en que se contabiliza o tempo de traballo, ao tempo que entregaron escritos individuais reclamando que se lles facilite o cómputo de xornada do ano pasado.

 Dende 'PAC´s en pé de guerra' explican que tras a liquidación das nóminas do ano 2017 non lles facilitaron os datos en base aos que se fixo a liquidación “xa que temos que solicitalos por escrito”. En consecuencia, decidiron presentar escritos individuais reclamando esta información, nunha iniciativa coa que tamén queren denunciar que a Administración continúa sen propostas a respecto dunha das principais reivindicacións do colectivo, que ten que ver coa xornada laboral. 

 “A forma en que contabiliza a xornada o Sergas non asegura a neutralidade de permisos nin das baixas, polo que nos vemos na obriga de facer xornada por riba do marcado en calendario para 'compensar' en caso de solicitar permisos ou de enfermar”, sosteñen.  

 Ao mesmo tempo, amosan a súa preocupación pola posibilidade de que o colectivo médico e enfermeiro en especial vexa aumentada a súa xornada anual durante os meses de verán, cando na área de Vigo a carga de traballo xa se ve incrementa significativamente por mor do turismo, con zonas onde o aumento de poboación é moi significativo. “A carga vaise ver multiplicada co peche dalgúns centros de saúde polas tardes en período de verán que obrigará a pacientes e usuarias/os a utilizar os servizos de urxencias como alternativa, sen que estes servizos sexan reforzados”.  

 Finalmente, adiantan que continuarán a mobilizarse até que a Administración acepte a aplicación dos 11 puntos nos que resumen as súas reivindicacións, unhas reivindicacións cuxo obxectivo é que se cumpra o pacto de 2008 e o Estatuto Marco, “normas que xa deberían estar consolidadas, sendo a maioría destas relacionadas coas condicións de traballo e coa calidade asistencial”.

Principais demandas do colectivo  

 Os 11 puntos básicos que demanda o colectivo de profesionais dos PAC comezan pola xornada laboral: que a xornada efectiva non supere as 1.451 horas anuais, e que calquera exceso de xornada debe de ser voluntaria, incentivada e por tramos.  

 As outras 10 cuestións pasan por contar con equipos completos para o persoal médico e de enfermería en todos os PAC; por que se respecten os tempos de traballo conforme ás directivas europeas; eliminar dos obxectivos as “derivacións hospitalarias” ou calquera outro tipo de eufemismo para referirse a estas; e que se doten os PAC en base a criterios de carga asistencia, dispersión xeográfica e distancia ao hospital de referencia; o pago do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade con carácter retroactivo dende 2010.  

 Tamén reclaman o cómputo neutro para os permisos retribuídos; que se conten como xornada laboral as asistencias ás reunións coa Xerencia; que as dietas de domingos e festivos sexan abonadas polos conceptos de xantar e cea; a elaboración dos calendarios de quendas dándolle prioridade ao persoal propio dos PAC; e que se dote de EPI's a todo o persoal que traballa nos PAC, sexa fixo, en formación ou eventual; neste último punto reclaman tamén un circuíto de limpeza que evite ter que lavar a roupa no domicilio persoal e que asegure a súa disposición na seguinte quenda de traballo.

A GUARDA

FÚTBOL

COPA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O SPORTING GUARDÉS ENFRÓNTASE O PONTELLAS

Mércores día 16 de maio, ás 21:00 h., no Estadio Municipal A Sangriña

Entrada de balde



MOVEMENTOS SOCIAIS

A CIG convoca mobilizacións contra os recortes nas prestacións asistenciais e por desemprego 

Este mércores 16 na delegación da Xunta en Vigo (rúa Areal), na oficina do INEM de Pontevedra (rúa Eduardo Pondal, 64) de 11:00 a 12:00 horas e na oficina do INEM de Vilagarcía ás 11:30 horas 

A imaxe corresponde á rolda de prensa celebrada hoxe en Vigo para presentar a mobilización que terá lugar na cidade
Foto: CIG

CIG / Vigo

 O Partido Popular pretende acometer un novo recorte nas xa escasas e insuficientes prestacións asistenciais e por desemprego. Baixo a escusa de "unificar" as diferentes modalidades existentes (PAE, RAI e Plan Prepara) nunha nova prestación, a chamada Red, o Goberno español invade as competencias que nesta materia teñen os gobernos autonómicos para seguir a impoñer un modelo que reduce a protección social. Hoxe, a metade das persoas desempregadas do noso país non perciben ningunha prestación nin subsidio, e as contías das prestacións asistenciais actuais, de apenas 430 euros mensuais, non permite unha subsistencia digna. Na comarca de Vigo, por exemplo, son máis de 8 mil os fogares con todos os seus membros sen emprego. Só na cidade de Vigo, segundo datos oficiais, 65 mil persoas fican baixo a ameaza da pobreza e da exclusión social.  

 Desde a CIG entendemos que é urxente e necesaria unha reforma do sistema de prestacións, mais na dirección contraria da que pretende o Partido Popular. Para iso colocamos catro reivindicacións concretas, que de se aplicaren suporían mellorar moi positivamente as condicións de vida de milleiros de galegas e galegos que se vén privadas dunha fonte de ingresos por non teren emprego: 

· A suba do Salario Mínimo Interprofesional até os 857€ mensuais en 14 pagas (o equivalente ao 60% do salario medio galego). 

· Eliminación do IPREM como referencia as contías das prestacións e uso, no seu lugar, do SMI. 

· Derrogación das reformas das prestacións imposta polo PP en 2012, para desta maneira aumentar as contías e facilitar o seu acceso. 

· Creación dunha Renda de Inserción Laboral para todas as persoas maiores de 18 anos que non cobren outra prestación, para garantirlles uns ingresos mínimos dignos. 

 Con esa táboa reivindicativa vimos de convocar en diferentes puntos da nosa nación concentración diante das sedes da Xunta da Galiza, para así reclamarmos que exerza as súas competencias nesta materia de importancia vital para milleiros de familias traballadoras. Para exixirmos que Feixóo deixe de darlle as costas ás persoas desempregadas. Na comarca de Vigo a concentración terá lugar este mércores 16 ás 11h diante do edificio da Xunta, mentres que no caso de Pontevedra a protesta terá lugar no mesmo horario diante da oficina do INEM situada no número 64 da rúa Eduardo Pondal. En Vilagarcía será diante da sede do INEM ás 11:30 horas. 

 Esta acción inscríbese dentro do calendario de mobilizacións que a nivel confederal está a impulsar a CIG con rumo á Folga Xeral do próximo 19 de xuño. Unha convocatoria que hoxe máis que necesaria xa se torna absolutamente imprescindíbel, para plantarlles cara aos gobernos da dereita e o empresariado, recuperarmos os dereitos que nos roubaros e avanzar cara novas conquistas cara a unha Galiza con emprego, salarios e pensións dignas.