15 de maio de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

A CIG convoca mobilizacións contra os recortes nas prestacións asistenciais e por desemprego 

Este mércores 16 na delegación da Xunta en Vigo (rúa Areal), na oficina do INEM de Pontevedra (rúa Eduardo Pondal, 64) de 11:00 a 12:00 horas e na oficina do INEM de Vilagarcía ás 11:30 horas 

A imaxe corresponde á rolda de prensa celebrada hoxe en Vigo para presentar a mobilización que terá lugar na cidade
Foto: CIG

CIG / Vigo

 O Partido Popular pretende acometer un novo recorte nas xa escasas e insuficientes prestacións asistenciais e por desemprego. Baixo a escusa de "unificar" as diferentes modalidades existentes (PAE, RAI e Plan Prepara) nunha nova prestación, a chamada Red, o Goberno español invade as competencias que nesta materia teñen os gobernos autonómicos para seguir a impoñer un modelo que reduce a protección social. Hoxe, a metade das persoas desempregadas do noso país non perciben ningunha prestación nin subsidio, e as contías das prestacións asistenciais actuais, de apenas 430 euros mensuais, non permite unha subsistencia digna. Na comarca de Vigo, por exemplo, son máis de 8 mil os fogares con todos os seus membros sen emprego. Só na cidade de Vigo, segundo datos oficiais, 65 mil persoas fican baixo a ameaza da pobreza e da exclusión social.  

 Desde a CIG entendemos que é urxente e necesaria unha reforma do sistema de prestacións, mais na dirección contraria da que pretende o Partido Popular. Para iso colocamos catro reivindicacións concretas, que de se aplicaren suporían mellorar moi positivamente as condicións de vida de milleiros de galegas e galegos que se vén privadas dunha fonte de ingresos por non teren emprego: 

· A suba do Salario Mínimo Interprofesional até os 857€ mensuais en 14 pagas (o equivalente ao 60% do salario medio galego). 

· Eliminación do IPREM como referencia as contías das prestacións e uso, no seu lugar, do SMI. 

· Derrogación das reformas das prestacións imposta polo PP en 2012, para desta maneira aumentar as contías e facilitar o seu acceso. 

· Creación dunha Renda de Inserción Laboral para todas as persoas maiores de 18 anos que non cobren outra prestación, para garantirlles uns ingresos mínimos dignos. 

 Con esa táboa reivindicativa vimos de convocar en diferentes puntos da nosa nación concentración diante das sedes da Xunta da Galiza, para así reclamarmos que exerza as súas competencias nesta materia de importancia vital para milleiros de familias traballadoras. Para exixirmos que Feixóo deixe de darlle as costas ás persoas desempregadas. Na comarca de Vigo a concentración terá lugar este mércores 16 ás 11h diante do edificio da Xunta, mentres que no caso de Pontevedra a protesta terá lugar no mesmo horario diante da oficina do INEM situada no número 64 da rúa Eduardo Pondal. En Vilagarcía será diante da sede do INEM ás 11:30 horas. 

 Esta acción inscríbese dentro do calendario de mobilizacións que a nivel confederal está a impulsar a CIG con rumo á Folga Xeral do próximo 19 de xuño. Unha convocatoria que hoxe máis que necesaria xa se torna absolutamente imprescindíbel, para plantarlles cara aos gobernos da dereita e o empresariado, recuperarmos os dereitos que nos roubaros e avanzar cara novas conquistas cara a unha Galiza con emprego, salarios e pensións dignas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario