CULTURA
PRESENTACIÓN DO LIBRO “RECUERDOS DE JUVENTUD”, DE MARTÍN RODRÍGUEZ ÁLVAREZ
Venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala Félix Rodríguez, da Área Panorámica
Manuel Martínez González/ Tui
A Asociación Cultural Trisquel e Medulio convida á presentación do libro: “RECUERDOS DE JUVENTUD” de Martín Rodríguez Álvarez, que terá lugar este venres día 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala Félix Rodríguez, da Área Panorámica, de Tui.
Este libro recolle escritos e debuxos a plumiña de Martín.
O autor nas colaboracións escritas plasma unha parte do anecdotario tudense. Nos fai retrotraer no tempo e -non tanto- revivir vivencias que en xeral son compartidas por moitos veciños desta Cidade, ben por habelas protagonizado, ou por chegar a nós de boca dos nosos maiores.
Algúns dos títulos: El Tuy de Anteayer, Las Moscas, Los Toques de Campanas, Los Callos, Los Municipales, ou La Matraca, son dabondo expresivos como para intuir que no tratamento dos temas non está ausente, ademáis do rigor, unha fina e sutil retranca.
Nos debuxos recóllense monumentos, rúas e rincóns de Tui. Comenza ofrecéndonos unhas panorámicas da Cidade vistas dende diferentes puntos, para logo irnos levando a un percorrido visual, non só con imaxes dos monumentos -A Catedral, Convento das Clarisas, San Telmo, San Domingos, San Bartolomé- senón que, nalgúns casos, tamén a área de influencia como as rúas centenarias do Casco Antigo que discurren o seu abeiro.
Podemos de man das imaxes que nos amosa achegarnos ó Monte Aloia, o Medulio de Schulten (apoiándose en Orosio); Areas, Riomuíños, Tafona, Arrabal, Xardíns, ou a lugares onde xogabamos de nenos ás bolas e o trompo, como por exemplo: baixo a sombra dos plátanos á beira da Fonte de San Domingos, das “palmeiras” da Cárcel, ou nos laterais do Palco da Música.
En definitiva este traballo é un paseo visual por arquitecturas e lugares que enmarcan e definen a Cidade de Tui.
Ningún comentario:
Publicar un comentario