12 de dec. de 2018

TOMIÑO

A praza de abastos de Tomiño convértese na primeira en contar co selo de Mercado Excelente que outorga a Xunta de Galicia 

· O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala que o traballo dos praceiros e praceiras é clave para converter estas instalacións nun emblema de calidade e excelencia

· Apunta que para que máis prazas avancen neste camiño, o próximo ano poñerase en marcha unha nova orde de axudas na que os Mercados Excelentes terán prioridade  

· Para continuar a potenciar a innovación no comercio de proximidade, no 2019 tamén se porán en marcha os laboratorios dixitais, que asesorarán e guiarán os comerciantes neste ámbito

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde xunto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e os praceiros da praza de abastos

Infogauda / Tomiño

 O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entregou hoxe á praza de abastos de Tomiño o distintivo de Mercado Excelente, converténdose así no primeiro en contar con este selo que outorga a Xunta. Conde sinalou que se trata dun recoñecemento ao traballo colectivo, salientando o esforzo das distintas partes implicadas.  

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde na súa intervención de hoxe na praza de abastos de Tomiño

 Así, apuntou que o Concello que apostou por estas instalacións, contando cun apoio da Xunta de Galicia de máis de 400.000 euros, e resaltou de xeito especial a implicación dos praceiros e praceiras, que coa súa profesionalidade converten o mercado tomiñés nun emblema de calidade e excelencia. Do mesmo xeito, subliñou o respaldo da cidadanía, que comprando no mercado día a día potencia un punto de encontro no que o comercio, a gastronomía e as actividades de ocio van da man, e un centro de negocios no que pemes e autónomos desenvolven a súa actividade de forma competitiva, creando riqueza e emprego.
  
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria  entregoulle a alcaldesa de Tomiño o distintivo de Mercado Excelente para a praza de abastos de Tomiño

 A praza de Tomiño acada o selo de Mercado Excelente pola súa resposta aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, así como pola proximidade e o trato personalizado. Á hora de conceder este recoñecemento, a Xunta de Galicia valorou catro grandes áreas: a imaxe do mercado, instalacións e accesibilidade; a organización, unidade de xestión e profesionalidade dos praceiros e praceiras; a atención ao cliente e a prestación de servizos; e a implicación e integración do mercado na vida social do concello.  

 Francisco Conde sinalou que, para que máis prazas de abastos avancen neste camiño, o próximo ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria porá en marcha unha nova orde de axudas na que os Mercados Excelentes terán preferencia. Ademais, sinalou que no vindeiro 2019 as prioridades da Xunta en materia de comercio seguirán sendo a dixitalización e a innovación do sector. A este ámbito destinarase preto dun 12% máis no orzamento, o que permitirá a posta en marcha de novas iniciativas como os laboratorios dixitais, que asesorarán e guiarán aos comerciantes.  

 Este incremento no orzamento tamén posibilitará incidir en aspectos como a ecoinnovación, buscando a sustentabilidade ambiental do sector. Neste ámbito, sinalou que se vai buscar a colaboración das asociacións de comerciantes das prazas de abastos para a utilización de ecoenvases, o que permitirá incidir aínda máis na vinculación co territorio que teñen estas instalacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario