21 de dec. de 2018

TOMIÑO

O NADAL COMEZA ESTE SÁBADO 22 CO TRADICIONAL CONCERTO DA AGRUPACIÓN MUSICAL DE GOIÁN 

A PROGRAMACIÓN DE NADAL COMPLÉTASE CON CONTACONTOS, OBRADOIROS, TEATRO E INCHABLES. PARA PARTICIPAR NALGUNHA DAS ACTIVIDADES É NECESARIA INSCRICIÓN PREVIA A TRAVÉS DA WEB



Infogauda / Tomiño

 O Nadal chega a Tomiño este sábado 22 cunha ampla oferta de lecer para toda a familia. Un ano máis, o pistoletazo de saída á programación destas festas chega da man da Agrupación Musical de Goián e do seu tradicional Concerto de Nadal, o último concerto do ano e un dos máis especiais para a entidade, xa que nel participa boa parte do alumnado da Escola de Música, dende os máis pequenos de xardín musical ou música e movemento ata a banda infantil. A actuación terá lugar o sábado 22 de decembro ás 18.00 horas no Auditorio de Goián e, como vén sendo habitual, na entrada haberá que entregar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán doados a SOS Tomiño. 

Actividades para toda a familia  


 Xa en plenas vacacións escolares, a programación de Nadal continuará o 26, 27 e 28 de decembro con obradoiros e contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos no Mercado Municipal de Tomiño. Así, de 17.00 a 19.00 h, o día 26 as actividades xirarán arredor de ‘Os ratiños de Nadal’, o día 27 de ‘Un agasallo para Lulú’ e o día 28 de ‘A árbore de Bea’. Para todas estas actividades, que se realizarán a cargo de Migallas Teatro, é necesaria inscrición previa.  


 O día 29 de decembro o Mercado de Tomiño tamén acollerá o ‘Cantacontos’ de Migallas Teatro, un espectáculo para público familiar no que contos tradicionais e de creación propia son arrequentados con cancións, músicas ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Historias próximos aos máis cativos e cativas, que participarán dun xeito activo no desenlace da historia. Será ás 17.00 horas e de balde.  


 O domingo 30 os protagonistas serán ‘Os tres porquiños’, de Educateatro Producións, teatro para nenas e nenos a partir de 2 anos no Auditorio de Goián (18.00 h). Da man dun explorador afeccionado as cativas e cativos irán percorrendo o bosque na procura dos porquiños e coñecerán todas aquelas cousas que lles gustan. O prezo da entrada será de 3 euros para persoas adultas e de balde para nenas e nenos e a venda de entrada abrirase unha hora antes do espectáculo no propio despacho de billetes.  


 A primeira semana de 2019 comezará en Tomiño con moita maxia e cor cos inchables e obradoiros para cativas e cativos a partir de 3 anos que se realizarán nunha carpa habilitada na Praza do Seixo. As actividades desenvolveranse os días 2, 3 e 4 de xaneiro de 16.00 a 20.00 horas de balde, aínda que para os obradoiro é necesario facer inscrición previa a través da web do Concello de Tomiño.  


 O fin de festa será a Cabalgata de Reis o sábado 5, que sairá dende o Campo do Alivio as 16:30 horas e que fará o seu tradicional percorrido ata a Praza do Seixo, onde as nenas e nenos de Tomiño serán recibidos polas súas Maxestades os Reis Magos e onde haberá un sorteo de varios agasallos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario