PATRIMONIO
«As Paisaxes do Sal na Costa Atlántica»
· Brais X. Currás e Mar Cortegoso tratarán sobor dese proxecto na barferencia do xoves día 27 de decembro, ás 20:30 horas, na Cafetería Alameda
Infogauda / A Guarda
Continuando coa programación de Barferencias de Inverno 2018/2019, organizada polo Concello de A Guarda, o vindeiro xoves día 27 de decembro ás 20:30 horas, a Cafetería Alameda acollerá a segunda barferencia. Nela contarase coa presenza de Brais Xosé Currás e Mar Cortegoso, que falarán sobre as Paisaxes de sal na Costa Atlántica.
Mar Cortegoso e Brais Xosé Currás participaron e coordinaron as escavacións arqueolóxicas realizadas recentemente nas Salinas do Seixal - e tamén nas salinas rupestres das Lagoas (Camposancos) -, incluídas no proxecto “A Guarda, Mar de Sal”.
O avance das escavacións foi extraordinario e, pouco a pouco, saíron á luz moitas partes deste complexo salineiro do Seixal, coma as estruturas que delimitan as zonas de cristalización do sal e os pavimentos.
«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que coa coordinación científica de Brais Xosé Currás, se levará a cabo en dúas anualidades. Todo elo ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020.
O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.
As escavacións das salinas do Seixal puxeron de relevancia a importancia destas industrias para o Imperio Romano, o tempo que estas forman parte dun complexo máis amplo, sendo as salinas guardesas o maior enclave documentado do Imperio Romano.
A GUARDA: UN ANTIGO ENCLAVE DA PRODUCCIÓN DE SAL MARIÑA
Compre relembrar que a existencia de salinas romanas na costa de A Guarda, logo de seren detectadas de visu por Antonio Español Gil, na zona da Lamosa; xa fora comunicada oportunamente en 1979, por Ricardo Rodríguez Vicente, membro da Agrupación Cultural Guardesa, por vía epistolar a Alfredo García Alén, daquela secretario do Museo de Pontevedra, salientando á presenza desas salinas en varios lugares próximos o litoral atlántico dos concellos de A Guarda, O Rosal e Oia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario