21 de dec. de 2018

A GUARDA

O Concello solicita unha subvención de máis de 900.000 € 

· Para renovar o alumeado público do municipio  

O proxecto contempla a actuación sobre 57 dos 66 cadros eléctricos existentes no municipio, entre outras actuacions que suporán un aforro estimado do 62,89% para as arcas municipais no gasto eléctrico anual
Foto: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 Na mañá do pasado xoves día 20 de decembro de 2018 tivo lugar un Pleno extraordinario no que se acordou aprobar a participación do Concello da Guarda no programa de subvencións para la renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior convocada mediante Real Decreto 616/2017, segundo o cal o Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE), será o encargado de xestionar ditas subvencións. 

 No devantido pleno acordouse dotar financiamento para poder acometer a obra de renovación do alumeado público exterior do municipio por importe de 919.452,02 euros IVE engadido.  

 Aprobouse deste xeito a Memoria descritiva das actuacións a realizar denominado “Proyecto de renovación, mejora de la eficiencia energética y adaptación al Reglamento de Eficiencia Energética R.D. 1890/2008 del alumbrado público del Concello de A Guarda” (sic) e o inicio da tramitación e execución do proxecto.  

 Con ausencia da concelleira non adscrita, estes puntos da orde do día foron aprobados na sesión plenaria deste xoves cos votos a favor do Grupo Municipal Socialista e a abstención do resto de grupos con representación na Corporación Municipal.  

 O Concello da Guarda solicita levar a cabo a execución do “Proxecto de renovación, mellora da eficiencia enerxética e adaptación ao regulamento de eficiencia enerxética R.D. 1890/2008 da iluminación pública do Concello da Guarda”, que repercutirá nun aforro estimado do 62,89% para as arcas municipais no gasto eléctrico anual. 

 O presente proxecto contempla a actuación sobre 57 dos 66 cadros eléctricos existentes no municipio, así como a substitución de 1.892 dos 1.916 puntos de luz do alumeado público da Guarda. Os restantes puntos xa cumpren coa normativa de eficiencia enerxética ou están incluídos nunha subvención solicitada con anterioridade a través da Deputación por valor de máis de 100.000 € no ano 2016. Nos próximos meses coñecerase a resolución desta primeira subvención. 

 Entre as vantaxes destes proxectos están o aforro enerxético e económico, a mellora da calidade do novo alumeado, a mellora medioambiental, a renovación das luminarias do municipio e o abaratamento do mantemento das mesmas. 

 O proxecto de renovación do alumeado público exterior do municipio ten un orzamento total de 919.452,02€ dos cales o 80% será aportado polo IDAE (753.561,62€) e o 20% restante polo Concello da Guarda (183.890,44€).

Ningún comentario:

Publicar un comentario