12 de dec. de 2018

A GUARDA

Continúan ás actividades do Nadal na Vila

· Cunha ampla programación 


Infogauda / A Guarda

 Ainda que no calendario falten uns días para o solsticio de inverno, coas tradicionais celebracions características - segundo cada cultura - deste ciclo anual, o certo é que o Nadal chegou á Guarda o pasado 5 de decembro co aceso da iluminación de Nadal e continúa cunha ampla e variada programación de actividades, entre as que destacan teatro, animación musical polas rúas, concertos de panxoliñas, obradoiros de decoración, chocolatadas, pista de xeo, ou a Cabalgata de Reis. Ata o 6 de xaneiro, A Guarda vive a maxia do Nadal.  

 Tamén o pasado 5 de decembro publicouse na web municipal o vídeo do Obradoiro de Adornos de Nadal, neste vídeo, elaborado pola deseñadora e experta en escaparatismo Patricia Maquieira Franco. Nese vídeo explica como serán os adornos de Nadal que se realizarán nos obradoiros que terán lugar o xoves  día 13 (de 15:00 a 18:00 horas)  e o sábado día 15 (de 16:30 a 18:30 horas) de decembro na Casa dos Alonso.  


 Dende este mércores, 11 asociacións e colectivos da vila encargáronse de engalanar diferentes espazos públicos da Guarda dentro da actividade “Decora o teu Nadal”, unha proposta que xa tivo gran repercusión nos anos anteriores e que se repite este ano para retomar a maxia do Nadal nas prazas da vila, algo que está a espertar o interese dos transeuntes.  


 O xoves 13 de decembro ás 20:00 horas a Casa dos Alonso acollerá un Concerto de Nadal do Conservatorio de Música Elemental da Guarda, onde contarase coa actuación do Coro do Conservatorio, unha nova proposta que xurde este ano contando coa participación dos alumnos do Conservatorio e que será o seu concerto de presentación. 
  

 O venres 14 de decembro a Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle a Bebeteca de Nadal, unha iniciativa dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 6 anos de idade que terá lugar ás 18:00 horas. 

 Rebeca González, mestra de Educación Infantil do CEIP As Solanas e coordinadora de Bibliosolanas contará o conto "Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis". Ao remate, cada nena ou neno que asista levará da Bebeteca un conto en préstamo a súa casa durante o Nadal. As nenas e nenos que asistan e aínda non teñan a tarxeta de préstamo da Biblioteca, poden levar unha folla de inscrición para obtela. 

 A Bebeteca é unha sección de libriños especialmente pensados para que as familias podan iniciar na lectura aos bebés. Libros con imaxes, texturas, formas, sons e títeres de dedo. Idade: 0-3 anos e 3-6 anos. 


 O sábado 15 de decembro será o día no que se inscribirán todos aquelas nenas e nenos que desexen participar na Cabalgata de Reis. Para inscribirse é preciso que cada nena ou neno vaia ao Centro Cultural dende as 10:00 horas acompañado sempre dun adulto (1 por nena/o). Os participantes deberán de ter como mínimo 8 anos de idade. E por parte das nais, pais ou titores legais, cumprimentar as solicitudes. As follas de inscrición e as bases reguladoras estarán a disposición nos días previos no Centro Cultural e no Concello da Guarda. 


 Tamén o sábado 15, a partires das 20:00 horas, no Centro Cultural celebrarase o Festival Solidario a favor da Fundación Las Samaritanas da Guarda. Nesta edición contarase coas actuacións do Grupo de Baile Xamaraina, o Grupo de Baile Studio 88, o Grupo de Gaitas A Boalleira, o Grupo de Baile Do-Majó e o grupo de Acordeóns Argonat Band. Unha oportunidade para colaborar nunha boa causa.

 O martes día 18 de decembro, comezará súa actividade á pista de xeo que estará instalada na Alameda ata o día 6 de xaneiro de 2019.  


 Dende o Concello da Guarda se convida a participar e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario