O Museo de Pontevedra remata o ano cunha gran mostra sobre ‘Sileno', o gran ilustrador gráfico español de comezos do século xx
Poderá visitarse ata o 27 de xaneiro e inclúe fondos do Museo ABC e a colección persoal do autor que custodia o arquivo do Museo de Pontevedra
A mostra foi presentada esta mañá polos dous comisarios desta proposta, Ángeles Tilve e Víctor Zarza, pola directora do Museo ABC, Inmaculada Corcho, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
‘Sileno. Humor gráfico e política' abrirá as súas portas esta tarde no Museo de Pontevedra, onde permanecerá ata o vindeiro 27 de xaneiro. Trátase dunha exposición que compila fondos do Museo ABC, entidade propietaria da súa obra orixinal na prensa da época, e a colección persoal do autor que forma parte dos fondos do arquivo do propio Museo de Pontevedra, que ademais se exhibe nesta ocasión por primeira vez. A mostra foi presentada esta mañá polos dous comisarios desta proposta, Ángeles Tilve e Víctor Zarza, pola directora do Museo ABC, Inmaculada Corcho, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
O deputado de Cultura e Lingua salientou a importancia de que esta mostra, dedicada ao humor gráfico e á análise política, chegue á que denominou "a casa de Castelao" e asegurou que as persoas que visiten o Museo nas vindeiras semanas "poderán ver ambas obras e poñerse en situación do que se facía aquí e tamén do que se facía no resto de España desde o humor gráfico". Leal fixo referencia á necesaria colaboración entre as institucións públicas e privadas para facer realidade este tipo de proxectos, como é o caso do Museo de Pontevedra e o Museo ABC, e citou tamén "a importancia das empresas que apostan pola cultura, que non hai demasiadas" en referencia a Caser Seguros que tamén colabora nesta mostra. Sobre este tipo de sinerxías tamén se pronunciou a directora do Museo ABC, Inmaculada Corcho, asegurando que "Caser Seguros é a empresa que nos acompaña cada vez que sacamos esta colección fóra de Madrid e o seu apoio é fundamental para poder levala polos distintos territorios de España". A directora do Museo ABC tamén falou con especial agarimo da mostra que se inaugura esta tarde sinalando que "nos permite poñer en común as dúas coleccións máis importantes que se conservan de Sileno."
Sileno, pseudónimo do humorista gráfico aragonés Pedro Antonio Villahermosa e Borao, foi un referente indiscutible da caricatura política na prensa española durante as primeiras décadas do século XX. A comisaria Ángeles Tilve explicou que nesta mostra se exhibe, por primeira vez, unha ampla selección dos importantes materiais que custodia o arquivo do Museo procedentes da colección persoal do artista. Ángeles Tilve lembrou que na chegada ao Museo de Pontevedra destes materiais, foi determinante a orixe pontevedresa de Santiago Losada Amor, o seu xenro póstumo. Losada Amor, que fora primo do violinista Manuel Quiroga Losada, contraeu matrimonio coa filla maior de Sileno en 1948 – Sileno falecera en 1945- e, segundo explicou a comisaria "enseguida foi consciente interese das pezas que gardara e que agora nos permiten recuperar aspectos inéditos da súa biografía". A colección de Sileno que custodia o Museo de Pontevedra inclúe unha importante amálgama de documentos persoais e familiares, fotografías, tarxetas postais e, mesmo, da súa biblioteca e hemeroteca particular, podemos coñecer novos detalles da súa traxectoria persoal e profesional e redimensionar a súa biografía.
A faceta artística de Sileno estivo centrada nas súas colaboracións na prensa do momento, centradas na súa visión da I Guerra Mundial e na sátira política das primeiras décadas do pasado século, converténdose no que Ángeles Tilve denominou "editoriais da vida política do momento". Os orixinais da súa obra nesta mostra son os que achega o Museo ABC, a través dun centenar de viñetas aparecidas na revista Blanco y Negro, no diario ABC e no seu suplemento Gedeón. Este importante conxunto exhibiuse por primeira vez en 2016 na sede do museo madrileño na exposición ‘Sileno. Tambores en la batalla. Crónica ilustrada de la I Guerra Mundial', e que fora comisariada por Víctor Zarza. O propio Víctor Zarza asegurou esta mañá que as viñetas nas que Sileno satiriza e amosa a súa visión do desenvolvemento da Gran Guerra "deulle un momento de madurez estilística moi importante e, de feito, a Sileno lémbraselle sobre todo por ese labor". O comisario fixo fincapé en que "o que poderemos coñecer aquí é a psicoloxía dos españois do momento" e insistiu en que "o que aporta esta exposición é un conxunto documental impresionante". Víctor Zarza tamén gabou a destreza "dun gran debuxante autodidacta, que a pesar de ser avogado finalmente se decantou polo debuxo".
As viñetas e debuxos de Sileno foron publicadas en medios de gran tiraxe. Ademais da revista Blanco y Negro, o diario ABC e no seu suplemento Gedeón, tamén colaborou co Heraldo de Madrid, en Informaciones e en La Vanguardia, entre outros. Destaca tamén o semanario Buen Humor, fundado e dirixido por el mesmo e no que se deron cita os grandes nomes do momento, tanto literarios como gráficos, desde Ramón Gómez de la Serna a Miguel Mihura, pasando por Enrique Jardiel Poncela ou Julio Camba.
Ningún comentario:
Publicar un comentario