18 de dec. de 2018

CULTURA

Sara Brandão gaña o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte Portugal 

A súa obra ‘Ver’ foi galardoada na cuarta edición do certame, promovido pola Consellería de Cultura, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal

Vila Nova de Gaia / Portugal

 A obra Ver da escritora Sara Brandão gañou a cuarta edición do Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal, un certame promovido conxuntamente pola Consellería de Cultura e Turismo –a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais–, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. O acto de entrega do galardón, ao que acudiu o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, tivo lugar este serán en Vilanova de Gaia (Portugal).  

 O relato foi seleccionado entre os 31 traballos presentados por novos escritores con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos.  

 Presidido pola directora do Instituto Camões, Carla Sofia Amado, e integrado polo xornalista David Pontes, a escritora galega Paula Carballeira, o escritor galego Armando Requeixo e o editor Carlos Lopes, o xurado valorou a calidade da estruturación da obra así como a súa coherencia textual.  

 Dotado con 2.000 euros, o premio ten como principais obxectivos distinguir anualmente obras literarias orixinais de ambas as dúas beiras do Miño, incentivar a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa, e favorecer a circulación e distribución de obras literarias entre Galicia e Portugal, para reforzar o diálogo cultural entre os dous territorios.  

Estrea da obra musical ‘Clementina’ 

 Cómpre destacar que no acto celebrado hoxe estreouse a obra musical Clementina baseada no conto homónimo da vencedora da primeira edición do Premio Nortear, a galega Lara Dopazo. Unha composición de 25 minutos de Fábio Videira que conta coa dirección artística de Valter Palma e que interpretaron preto de 40 músicos. Esta peza musical enmárcase no proxecto Nortear e forma parte dunha das accións de carácter interdisciplinar coas que a Dirección Rexional de Cultura do Norte e a Dirección Xeral de Políticas Culturais convida a autores de outras disciplinas artísticas a desenvolver novas creacións baseándose nas obras gañadoras do Premio Nortear.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario