17 de dec. de 2018

COOPERACIÓN

A COMISIÓN DE COORDINACIÓN E DESENVOLVEMENTO REXIONAL DO NORTE DE PORTUGAL RECIBE Á AECT RÍO MIÑO 

· Uxío Benítez amosou a súa preocupación ao respecto da redución de fondos europeos de cooperación para o período 2021 – 2027  

Uxío Benítez - a esquerda de imaxe - con Ester Gomes da Silva, Fernando Freire de Sousa Jõao e Fernando Brito Nogueira
Foto: D. PO.

Infogauda  / O Baixo Miño

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, reuniuse esta semana co presidente e a vicepresidenta da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDRN), Fernando Freire de Sousa e Ester Gomes da Silva, para tratar o marco financeiro 2021–2027 dos fondos europeos e achegarlles as conclusións da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030. No encontro tamén estiveron presentes o vicepresidente da AECT Río Miño, Jõao Fernando Brito Nogueira, e o secretariado técnico da entidade.   

 Durante a reunión, Uxío Benítez transmitiu súa preocupación ao respecto da redución de fondos para cooperación transfronteiriza dentro dos orzamentos plurianuais da Comisión Europea para o período 2021 – 2027, que afectarían directamente aos proxectos desenvolvidos entre a fronteira do sur de Pontevedra e norte portugués. Benítez sinalou a importancia destes fondos para o territorio transfronteirizo, historicamente menos desenvolvido, e que hoxe en día se enfronta á problemáticas cruciais como o avellentamento ou a emigración por falta de perspectivas laborais.   

 Esta mesma preocupación foi transmitida á Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do goberno de España, durante a reunión mantida o pasado 11 de decembro, na que foron presentadas as candidaturas á segunda convocatoria do Poctep 2014 - 2020.  

Próximas reunións  

 Así mesmo, para mañá martes 18 de decembro está previsto un encontro co Secretário de Estado da Valorização do Interior de Portugal, João Paulo Catarino, para seguir tratando estas cuestións e a planificación dos próximos investimentos no territorio.  

 A AECT Río Miño  tamén ten solicitada unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para tratar estas mesmas cuestións, así como a proposta de formulación dunha Inversión Territorial Integrada (ITI) no territorio do Río Miño Transfronteirizo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario