12 de dec. de 2018

A GUARDA

A auga, elemento vital para á supervivencia, protagonista dunha exposición fotográfica 

· Que pode visitarse ata o día 12 de xaneiro de 2019 na Sala de Exposicións do Centro Cultural

O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, a concelleira de Cultura Mª Elena Baz Rodríguez, así coma unha representación de Afundación e de Abanca
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O martes día 11 de decembro a Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolleu a inauguración da Exposición «Auga, o sangue da terra», un proxecto de Manuel Valcárcel. O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez, a concelleira de Cultura Mª Elena Baz Rodríguez, así coma unha representación de Afundación e de Abanca, co-organizadores desta exposición e público asistente.
  

 A exposición recolle unha serie de fotografías de Manuel Valcárcel nas súas viaxes ao redor do mundo, reflectindo instantáneas coa auga coma protagonista en países coma China, Níxer, Nova Zelanda ou o deserto de Atacama en Chile.  

 En palabras de Manuel Valcárcel «a auga, elemento vital ao que quixen render esta humilde homenaxe en comparación co que representa, parte de todo o que somos e todo o que crea. Elemento vital que debe ser motivo de unión e xamais de discordia. Elemento que debemos coidar e protexer porque marcará o devir das xeracións vindeiras porque, quen somos os seres humanos para crernos por enriba da natureza? Esta é a miña visión do que foi, é e será a Terra. Non malgastemos esforzo e diñeiro en buscar un mundo mellor noutros planetas, este é o noso, onde nacemos e onde morreremos, debemos respectalo e coidalo». 


 Dende esta mesma semana máis de 200 alumnos dos centros escolares guardeses visitarán esta exposición, que conta con máis de vinte imaxes a toda cor realmente sorprendentes.  

 A exposición estará no Centro Cultural ata o 12 de xaneiro de 2019, podendo visitala de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horasde luns a venres; e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario