12 de dec. de 2018

A GUARDA

“CONSPIRACIÓN”: XEROCK PRESENTA O SEU NOVO DISCO

· O sábado 22 de decembro 2018 ás 13:00 horas na Éxfico Concept Store

XeRock

Eva Bouzas Facal / A Guarda

 Remataba o ano 2003 cando soaron os primeiros acordes de XeRock. Conta a lenda que foi nun rancio certame de panxoliñas, e que os botaron do evento polo boureo das guitarras, aínda que ao igual que acontece nas máis memorables lendas, ninguén pode nin confirmar nin desmentir tal historia...  

 O que sí sabemos con certeza é que é imposible falar de XeRock sen facer mención ao Centro de Atención a Persoas con Diversidade Intelectual San Xerome Emiliani de A Guarda, onde grelou a idea primixenia: unha banda de rock integradora, combativa e alegre onde dar renda solta ás inquedanzas para coa música das usuarias do Centro.  

 No ano 2006 gravan o seu primeiro disco autoeditado “IntegrAcción”, organizan un Festival con bandas do calibre de Sex Museum, Samesugas ou Los Abrasivos , e comezan a actuar en todos os “garitos” onde lle deixan tocar, incluso fóra da Galiza e norte de Portugal.  

 Memorables foron as actuacións nos concertos na Radio Galega, no Festival Repercusión, nas Xornadas de Dano Cerebral en Toledo, na “marathon” musical de Coruña… atesourando de vagar un éxito mediático importante, ata que no ano 2008 unha produtora interésase pola “vida e obra” de Generoso Alonso Acal, batería da formación, e o leva a protagonizar Cantos Rodados (Ficción Produccións), un documental dirixido por Xoel Méndez que xira en torno á superación e as capacidades, e cunha máxima “todos temos dereito ao Rock and Roll”.  

 Soaba xa o ano 2014 cando XeRock desenvolve un proxecto de sensibilización e concienciación embarcándose nunha xira polos Centros Penitenciarios e Educativos da Galiza, cunha notable e exitosa aceptación, e presenta “…vou seguir insistindo estar”, a súa segunda referencia discográfica, con 7 novas cancións inéditas e reivindicativas.  

 Agora tócalle o turno á súa nova aventura discográfica. O vindeiro sábado 22 de decembro de 2018 XeRock presentará en directo “Conspiración”, o seu último disco, conmemorando 15 anos de historia. Será na Guarda, na “ÉXFICO CONCEPT STORE” (Julián López, 20) en horario “familiar”, ás 13:00 horas.  

Esperámosvos !!!     


Presentación novo disco XeRock 
Exfico Concept Store 
Rúa Julián López, 20 (A Guarda)
Sábado 22 de decembro 2018 ás 13:00 horas

Ningún comentario:

Publicar un comentario