20 de nov. de 2018

O ROSAL

Concerto de Santa Icía da Agrupación Musical do Rosal

Sábado 24 de novembro 2018, ás 20:30 horas, no Auditorio do Rosal


 Agrupación Musical do Rosal / O Rosal

 A nosa banda leva preparando dende comezos do outono o programa que é un dos concertos máis especiais do ano. A banda abrirá a velada coa música do pasodobre “Athênaeum” do alacantino Enrique Alborch, un pasodobre composto no seu día para unha conmemoración e que servirá de celebración da nosa patroa Santa Icía. Seguidamente, faremos a presentación como cada ano dos novos compoñentes, que acollemos con moita ilusión despois de velos medrar nas nosas aulas.  

 “Finlandia”, do compositor Jean Sibelius será a primeira das obras que escoitemos a continuación. Trátase dun poema sinfónico composto a principios do século XX como homenaxe do autor ao seu país natal. Dende os primeiros compases, escuros e turbulentos, ata o grandioso final, describe as tribulacións do pobo finés no seu paso da opresión  rusa á autonomía e a liberación.  

 A continuación escoitaremos “Saga Cándida” do compositor belga Bert Appermont, que é unha selección a partir do musical do mesmo autor orixinal para banda (“Seed of Satan”, ou “A semente de Satán”), no que se retrata unha caza de bruxas. A suite que interpretamos está estruturada en 7 movementos nos que se ilustran as distintas escenas do musical.  

 Continuaremos o noso programa cunha das grandes obras da literatura bandística: “Diversions”, do compositor inglés Philip Sparke. Trátase dunhas variacións para banda de gran elaboración sobre un tema popular suízo, tema que escoitaremos interpretado polo saxofón alto case ao principio da obra, despois dunha maxestuosa introdución.  

 E para dar remate a este fantástico concerto anunciamos que contaremos coa presenza do noso amigo trompetista internacional Rubén Simeó, que interpretará como solista coa banda a "La Virgen de la Macarena" de Charles Kofe, ademáis de acompañarnos durante todo o concerto no escenario como un compañeiro máis.  

 Esta velada festiva terminará cunha cea-baile no Restaurante Juan na que participarán músicos, socios, familiares e simpatizantes da Agrupación Musical do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario