DEPORTES
O V Trail do Trega contará con máis de 400 participantes
· Celebrarase este domingo día 25 de novembro de 2018
· A saída da Andaina será ás 9:30 horas; a do Trial Castros Celtas 18k ás 10:00 horas; e a do Mergelina 10k ás 10:30 horas.
· A liña de meta e chegada terá lugar na Alameda da Guarda.
O alcalde Antonio Lomba Baz - no centro da imaxe - co concelleiro de Deportes, Manuel Javier Crespo González, e Serafín Acevedo, representante de Qualité Sports, na presentación do evento deportivo
Foto: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
A Guarda acollerá este domingo día 25 de novembro a quinta edición do evento deportivo Trail do Trega, que este ano contará con dúas modalidades de competición, a proba Mergelina 10k e Castros Celtas 18k, cun desnivel acumulado de cada unha delas de 650 e 1.100 metros respectivamente, ademáis dunha andaina.
O evento foi presentado este martes na Casa dos Alonso, coa presenza do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; o concelleiro de Deportes, Manuel Javier Crespo González e o representante de Qualité Sports, Serafín Acevedo.
O Alcalde da Guarda destacou que este tipo de probas consitúen hoxe en día un importante pulo deportivo, contando con moita implicación e participación, contando no monte Santa Trega, cun espazo natural incomparable para a práctica deste deporte.
Pola súa banda Manuel Javier Crespo salientou que esta é a quinta edición dun evento que se consolida no calendario anual deste tipo de probas deportivas, que esperta gran interese e no que participan un bo número de persoas, una proba que conta co apoio do Concello, cunha aposta decidida polo deporte.
Serafín Acevedo, responsable da empresa organizadora Qualité Sports deu a coñecer o máis destacado desta quinta edición, que contará coa participación de máis de 400 persoas, 100 das cales son de nacionalidade portuguesa, que se fai un recoñecemento e conmemoración ao día contra a violencia de xénero e que contaráse coa presenza de importantes atletas participantes no Campionato Galego de Trial e mesmo na Copa do Mundo de Trial.
Sobre a proba
A liña de meta e chegada terá lugar na Alameda da Guarda. A saída da Andaina será ás 9:30 horas; a do Trial Castros Celtas 18k ás 10:00 horas; e a do Mergelina 10k ás 10:30 horas.
A proba Mergelina 10k fai referencia ao poboado castrexo de Mergelina, que se ven de por en valor recentemente coas obras de consolidación deste xacemento arqueolóxico, nesta modalidade os deportistas terán unha proba máis enfocada a noveis, cun percorrido de 10 quilómetros de distancia, ideal para iniciarse no mundo do Trail.
A proba Castros Celtas 18k contempla unha distancia total de 18 quilómetros e onde os atletas participantes terán que avanzar cun percorrido moito máis técnico e para deportistas máis experimentados.
A maiores realizarase unha andaina non competitiva de 12 quilómetros de distancia para todos aqueles que desexen desfrutar das paisaxes e sendeiros do Monte Santa Trega, percorrido de dificultade fácil e para todos os públicos.
O prazo de inscricións para a Mergelina 10k, Castros Celtas 18k e para a andaina, está aberto ata este mércores a través da páxina web oficial do evento.
Todos os participantes terán un agasallo oficial da proba, e contarán con diferentes postos de avituallamento no percorrido, así como un final.
Esta proba está organizada por Qualité Sport en colaboración co Concello da Guarda, e as Comunidades de Montes de A Guarda e Camposancos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario