8 de nov. de 2018

O BAIXO MIÑO

A CUARTA EDICIÓN DO PROGRAMA CONECTA PEME MOBILIZARÁ NO BAIXO MIÑO 2,3M€ EN PROXECTOS QUE IMPULSAN A INNOVACIÓN E NOS QUE PARTICIPAN EMPRESAS DE TUI E A GUARDA  

· Segundo apuntou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, estas axudas contaron cun orzamento para toda Galicia que medrou un 8%, ata os 27M€ en axudas e no que o 93% das empresas beneficiarias son pemes que desenvolverán iniciativas relacionadas coa nanotecnoloxía, a enerxía e o medio ambiente ou a saúde e o benestar 

· O obxectivo é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia primando na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións 

· As empresas do Baixo Miño beneficiadas participan en dous proxectos dedicados á desenvolver geopolímeros funcionais para solucións construtivas e novas metodoloxías para a fabricación de rompeolas e pantaláns flotantes de formigón 

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra

Infogauda / O Baixo Miño

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá os 1,3 millóns de euros destinados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, para dous proxectos nos que participan  unha empresa de Tui e outra da Guarda, dentro da cuarta edición do programa Conecta Peme. En total, mobilízanse 2,3 millóns de euros na comarca do Baixo Miño.  

 Segundo apuntou Cores Tourís, na actual convocatoria, mobilizaranse para toda Galicia, máis de 47M€ en 54 proxectos de innovación empresarial, no que o 93% das empresas beneficiadas son pemes.   

 O obxectivo desta iniciativa é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia para o que se primou na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico.   

 Estes 2 proxectos, están vinculados ao desenvolvemento experimental. Así, a empresa Cerámicas Técnicas da Guarda participará no proxecto Geopolar, centrado no desenvolvemento de geopolímeros funcionais para solucións construtivas e de tratamento de augas residuais aplicando o modelo de economía circular, xunto a outras 4 empresas de toda Galicia. Pola súa banda, a firma tudense Ronautica Quality Marinas SLU, forma parte do proxecto Floating-concrete, que traballa, xunto a outras 2 empresas galegas, na investigación de novas tecnoloxía se deseños para a fabricación de rompeolas e pantaláns flotantes de formigón.   

 Segundo explicou o delegado territorial, Conecta Peme está dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns, e é unha iniciativa que pretende estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa. Ademais, optimízase o acceso ao financiamento ás pemes galegas, favorécese a transferencia de coñecemento ao mercado e foméntase a creación de emprego cualificado.  

 Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150M€ en 187 proxectos de cooperación nos que están a participar pemes e centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando a creación de 530 empregos en toda Galicia. Este programa compleméntase con Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos –que contan cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros– entre grandes consorcios de empresas e centros de coñecemento coa participación de 565 empresas galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario