6 de nov. de 2018

A GUARDA

O espectáculo ‘Contamos todas’ chega á nosa vila

· Continuando a xira por concellos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade  


Infogauda / A Guarda

 A Tropa de Trapo continúa na Guarda a nova edición da xira ‘Contamos todas’, un espectáculo a prol da equidade de xénero que percorrerá sete concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no mes en que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. 

 A actuación desenvolverase este xoves día 8 de novembro a partir das 12:30 horas no Centro Cultural da Guarda, onde a compañía compostelá mesturará historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar á rapazada de 3º e 4º de ESO dos centros de secundaria do municipio. 

 Centrada na desigualdade e na violencia de xénero, a sesión abrirase cos contos ‘As mulleres de Torneiros’ e ‘Liberia’, exemplos de vida de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións. Historias para pensar, casos de empoderamento, rebeldía e superación. A actividade leva aparellado un obradoiro no que se contará coa opinión das e dos estudantes, para rematar representando as súas propias propostas mediante o emprego de técnicas do Teatro da Oprimida.  

 Sobre A Tropa de Trapo 

 Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.  

O Fondo Galego 

 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 96 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. 

 Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. 

 Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario