21 de nov. de 2018

A GUARDA

UNHA PISTA DE XEO NA ALAMEDA

E unha ampla programación de actividades, dinamizarán o Nadal  2018 na vila

Montserrat Magallanes, concelleira de Comercio e o alcalde Antonio Lomba, reuníronse cos comerciantes e hostaleiro da vila 
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 Nunha reunión co sector do comercio e da hostalaría do municipio, o executivo do Concello de A Guarda deu a coñecer onte, as principais novidades da Campaña de Nadal deste ano 2018. A xuntanza, que se celebrou no salón de plenos e que contou coa asistencia de máis dunha trintena de comerciantes, hostaleiros e representantes de asociacións e colectivos empresariais da vila, estivo encabezada pola concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes Álvarez e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz. 

 Montserrat Magallanes quixo aproveitar esta ocasión para recordar aos presentes a forte aposta que dende o Concello da Guarda se está a realizar para dinamizar e promover o comercio e hostalaría, sectores fundamentais para o tecido económico da Guarda e que se distinguen pola súa calidade, a súa diversidade e variedade de servizos. Destacou Montserrat Magallanes que A Guarda é un dos municipios con maior densidade comercial da provincia de Pontevedra, o que repercute moi positivamente, xerando recursos, riqueza e emprego. 

 A concelleira de Comercio recordou as campañas de dinamización comercial e de mobilidade que se están levando a cabo ao longo do ano para promover e incentivar o consumo no comercio local, mellorando tamén a profesionalización do sector con iniciativas de formación para os praceiros ou comerciantes a través de cursos e actuacións máis específicas coma Comercio Innova ou Comercio Innova Plus, a Feira de Emprego Tecnoimaxín, etc. 

 Tanto o alcalde coma a concelleira de Comercio quixeron dar a noraboa ao comercio da vila polo embelecemento dos seus locais comerciais, con novas incorporacións e locais remodelados, así como a súa participación na recente campaña contra a violencia de xénero “A Guarda en Negro – Contra as Violencias”. 

 Destacouse tamén nesta reunión a Campaña de Mobilidade “A Guarda todo moi preto”, onde se sortearon un cento de carros de compra entre os clientes da Praza de Abastos e tamén se distribuíron entre os comercios os trípticos Metrominuto, con informacións de interese sobre o casco urbano da vila, cos tempos medios para desprazarse entre os principais puntos da Guarda, información que se debe poñer en valor para sacarlle o máximo partido e crear sinerxias. 

Máis de 13.000 peregrinos en 2018 

 Montserrat Magallanes recordou o forte pulo que ten arestora o Camiño Portugués da Costa, con máis de 13.000 peregrinos rexistrados no que vai de ano, unha publicidade internacional moi importante para A Guarda que o comercio e a hostalaría debe e ten que saber aproveitar. 

Pista de xeo para o Nadal 2018 

 En canto á Programación de Nadal, o alcalde da Guarda anunciou que este ano A Guarda contará cunha Pista de Xeo, que estará instalada na Alameda da Guarda dende o 18 de decembro ata o 6 de xaneiro de 2019. Para a súa promoción a través das empresas locais, todos aqueles comercios que desexen dispor de entradas para a Pista de Xeo poderán adquirir paquetes de 10 entradas ao prezo de 60€ na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 60 89 20. Terán un desconto especial por adquirir estas entradas de xeito anticipado. Tamén se poderán mercar in situ  unha vez estea instalada a Pista de Xeo na Alameda da vila. 

 As entradas están dispoñibles xa dende este mércores día 21 de novembro. Tamén se disporá de espazos publicitarios no interior destas instalacións, un lugar para dar visibilidade aos servizos e produtos das empresas que desexen incluír publicidade alí. 

 Dende o Concello da Guarda recórdase ao comercio e ao sector hostaleiro o importante esforzo económico que supón traer á Guarda unha Pista de Xeo, polo que piden a súa colaboración e implicación para facer que o seu funcionamento sexa o agardado e se poda repetir en vindeiras edicións. 

 Coa instalación desta Pista de Xeo preténdese incentivar o consumo e as estancias de visitantes na Guarda, nunha das épocas de maior afluencia e máis importantes para o tecido económico guardés como é o Nadal. 

SESIONS DE CINEMA INFANTIL, VISITA DO APALPADOR, CATRO DÍAS DE DE MÚSICA NAS RÚAS DA VILA,...

 Ademais da Pista de Xeo, A Guarda contará este Nadal con moitas máis actividades e diversión para toda a familia con dúas sesións de teatro para adultos, dúas sesións de cinema infantil, visita do apalpador, catro días de música nas rúas do pobo, campaña de “Decora o teu Nadal” coa colaboración de 10 asociacións, chocolatada na Praza de Abastos, Cabalgata de Reis Magos, Festival de Panxoliñas, dous Concertos de Nadal, Bebeteca e Contos Contados de Nadal na Biblioteca, entre outras actividades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario